Críticas ao Goberno de Xosé García Costas, presidente da Cámara de Comercio de Vigo e membro do Consello de Administración de Caixanova.
O presidente da Cámara de Comercio de Vigo e membro do Consello de Administración de Caixanova, Xosé García Costas, opinou este mércores que a fusión das caixas galegas "é a peor das solucións" que se barallaban para o futuro das entidades de aforro.
Durante a presentación dun estudio sobre a situación do comercio minorista na área de Vigo, Costas insistiu reiteradamente nesta postura e asegurou que este posicionamento contaba cos "apoios necesarios". Igualmente, recordou que a alternativa proposta pola Xunta, unha fusión "paritaria" para garantir a solvencia das dúas entidades financeiras galegas fora "desaconsellada polo Banco de España" e sinalou que tanto aos vigueses como aos empresarios "lles interesa dispoñer de dúas caixas fortes".