Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SEGUNDO UN ESTUDO

A soidade contáxiase

De forma gradual e co paso do tempo, as persoas solitarias transmiten eses mesmos sentimentos aos amigos que lles quedan, que tamén tenden a illarse socialmente.

Redacción - 12:30 02/12/2009

Como podería suceder cunha gripe ou unha enfermidade infecciosa, a soidade é contaxiosa. Así o revela un estudo das Universidades de Chicago, California-San Diego e Harvard en Estados Unidos e que publica a revista Journal of Personality and Social Psychology.

A gran escala
Os investigadores empregaron datos loxitudinais dun estudo no que seguiron a saúde dos participantes durante 60 anos. Descubriron así que as persoas solitarias tenden a compartir a súa soidade con outras. Co paso do tempo, esas persoas solitarias desconectadas desprázanse cara aos marxes das redes sociais. En consecuencia, nesta periferia, as persoas teñen menos amigos, polo que a súa soidade condúceos a perder os poucos vencellos que conservan.

Porén, antes de que as relacións se desfagan, as persoas da periferia transmiten sentimentos de soidade aos amigos que conservan, que tamén se volven solitarios. Os investigadores construíron gráficas que representaban os antecedentes da amizade dos suxeitos e información sobre os seus informes de soidade e puideron determinar un patrón. Os datos amosaban que as persoas solitarias "infectaban" ás persoas do seu arredor coa soidade e que, á súa vez, estas persoas se movían cara os límites dos círculos sociais.

As mulleres, máis propensas
A investigación tamén amosa que a medida que as persoas se volven solitarias convértense en menos confiadas e desenvolven un ciclo que fai máis difícil formar amizades. Segundo explica o estudo, as sociedades parecen desenvolver unha tendencia natural a desfacerse de persoas solitarias, algo que se comprobou tamén en monos.

Outra das conclusións que tiran estes científicos é que as mulleres teñen máis probabilidades de "infectarse" coa soidade que os homes. De igual xeito, son máis propensas as persoas maiores que os mozos.

Finalmente, o informe asegura que é importante que se recoñeza a soidade dos individuos para axudalos a involucrarse cos seus grupos sociais antes de queden illados no conxunto. Entende que a sociedade podería reparar as súas redes sociais e crear unha barreira protectora contra a soidade que poida manter a rede completa, o que tería uns inestimábeis efectos na súa saúde.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: