Os expertos alertan de que o 37,5% dos casos novos a nivel estatal son diagnosticados tarde de máis.
A Consellaría de Sanidade detectou en Galiza entre os anos 2004 e 2008 un total de 1.025 novos diagnósticos de infección polo VIH e 485 casos de sida, o que supón un 111% máis de rexistros de infección que de enfermidade.
A progresión anual da incidencia é bastante estábel, aínda que rexistra un baixón significativo entre 2007 e 2008, pasando de 34,3 casos de sida -por ano e por millón de habitantes- a 29,8. Esta situación despréndese dos datos do Sistema de Información Galego sobre a infección por VIH, feitos públicos por vez primeira a semana pasada, coincidindo este martes co Día Mundial da Sida.
Entre 2004 e 2008 a incidencia de infección por VIH foi de 74 casos por ano e por millón de habitantes, o que sitúa o noso país por baixo da incidencia anual a nivel estatal. Con respecto á distribución por sexos e idades, os homes representan o 75,7% dos casos de VIH en Galiza.
O tramo de idade entre os 25 e 44 anos no momento do diagnóstico é o máis elevado, tanto para homes coma para mulleres, e alcanza o 71%. Ademais, Sanidade alertou de que, no 68,3% dos casos, a infección foi por vía sexual, o 41,7% asociado á heterosexualidade e un 26,6% á homosexualidade.
Diagnóstico tardío
Por outra banda, a Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica (SEIMC), alertou de que o 37,5% dos pacientes infectados polo VIH son diagnosticados cando o seu sistema inmunolóxico está xa moi debilitado, algo "especialmente preocupante" en heterosexuais (42,4%) e sobre todo nos maiores de 55 anos, aseguran.