Logo dun ano de insistencia, a compañía eléctrica achega a gravación onde a empresa rexeita a comprobación dunha avaría.
O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) acaba de facer pública a galería de despropósitos acontecida ao fío dunha chamada dun usuario da compañía eléctrica Fenosa a un teléfono de atención ao cliente.
Así sucedeu na reclamación dunha persoa acerca dunha avaría que deixara sen subministro eléctrico a un conxunto de medio cento de familias. Inicialmente, e alegando que se trataba dun corte programado, a compañía negou a comprobación da avaría. A lea derivada da deficiente atención ao usuario rematou co cliente solicitando copia da gravación telefónica para realizar unha reclamación contra a empresa. Nun momento posterior, escoitamos como lle esixen ao cliente que fale en castelán se quere continuar a conversa.
O Movemento polos Dereitos Civís difunde as gravacións logo dun ano de reclamalas a través da Axencia Española de Protección de Datos e das reiteradas negativas da empresa a facilitar a información. O colectivo critica "a desidia coa que actuou Fenosa tendo en conta que, como é sabido, a lei é moi clara no que ten que ver co dereito de acceso destas conversas". Ademais, o MpDC lamenta tamén "a desprotección do cliente e quéixase tamén das voltas que este ten que dar, arroupado por colectivos e institucións para ver recoñecidos os seus dereitos".