Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL

Constitúese a Federación Rural Galega baixo a presidencia de Xurxo Álvarez

Entre os promotores figuran ex-responsábeis do Sindicato Labrego Galego e o seu obxectivo é ofertar servizos técnicos aos gandeiros.

Redacción - 18:00 28/11/2009

Logo de meses de ruxerruxes e xuntanzas, este sábado Lugo acolleu a constitución definitiva da Federación Rural Galega (FRUGA), unha nova organización gandeira que estará formada por un grupo de asociacións adicadas a prestar asesoramento técnico ás explotacións. Entre os promotores deste novo colectivo figuran ex-responsábeis do Sindicato Labrego Galego (SLG). De feito o seu presidente, Xurxo Álvarez, disputara a Secretaría Xeral á actual titular, Carme Freire, en 2007 e actualmente integra a dirección nacional do Sindicato.

Retos para o futuro
Cun aforo de máis de 200 persoas, os dirixentes deste novo colectivo repasaron os seus obxectivos. Entre eles, subliñaron a importancia de loitar por cambiar a tendencia de prezos dos produtos rurais que, na actualidade, se comercializan por debaixo dos custes de produción.

Tamén se apuntou a necesidade de buscar solucións para a crise do sector lácteo e defender a idoneidade dos contratos homologados para o leite; de reducir os custes co incremento da base territorial das explotacións a partir do Banco de Terras (Bantegal); ou a conveniencia de constituír Unidades de Xestión Forestal (Uxfor). Ao tempo, aseguraron que a federación non nace "cunha vocación exclusiva de ser un sindicato", senón de prestar servizos técnicos.

Sen vocación de contrarrestar o SLG
Ademais do presidente, outros dos 30 compoñentes do equipo dirixente de FRUGA pertenceron no pasado ao Sindicato Labrego. Entre os que apoian a iniciativa atópanse figuras como o cofundador de Comisións Labregas, Emilio López Pérez; o que fora secretario comarcal do SLG, Elías Somoza; ou o xefe de gabinete do anterior conselleiro de Medio Rural, Xosé Manuel Puga. Con todo, quixeron aclarar en todo momento en que esta nova organización xa non ten nada que ver co Sindicato Labrego e "tampouco nace coa vocación que contrarrestar" o seu labor.

"O SLG é auga pasada para algúns", dicía hai uns días un dos portavoces da iniciativa, Manuel Dacal (tamén traballador do sindicato durante 20 anos). "Nós non queremos revolver tempos pasados, non se exixe ningunha connotación sindical nin política a ninguén que queira formar parte da federación". Nesa liña asegurou que a vocación é a de "cubrir un espazo que non estaba cuberto", en referencia ao asesoramento técnico.


3,45/5 (11 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: