Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Comeza o 14 de decembro

Seis anos despois do peche do xornal sen probas, xuízo a Egunkaria

Malia que a Fiscalía solicitou o arquivo da causa, o tribunal decidiu abrir xuízo oral a partir da acusacións da AVT.

Redacción - 14:00 27/11/2009
Tags: Egunkaria

Na altura de febreiro de 2003 a policía entrou no daquela único diario en éuscaro, Euskaldunon Egunkaria, e baixo a acusación asinada polo xuíz Del Olmo de ser o xornal presunto instrumento controlado pola ETA, forzouse o peche da publicación.

Malia as denuncias de formacións políticas vascas e de colectivos en defensa dos dereitos civís, non foi até catro anos despois cando a Fiscalía admitiu que non existía proba ningunha contra os acusados. Ao fío, Miguel Ángel Carballo, fiscal da Audiencia Nacional, solicitaba pechar definitivamente o proceso. Mais paradoxalmente, os tribunais decidiron seguir adiante. Froito das acusacións particulares dos colectivos ultraconservadores Asociación de Vítimas do Terrorismo (AVT) e Dignidad y Justicia. Martxelo Otamendi, Iñaki Uria, Joan Mari Torrealdai, Txema Auzmendi e Xabier Oleaga serán así xulgados pola Audiencia Nacional baixo a acusación de pertenza a ETA, nun proceso que terá as dúas primeiras sesións da vista oral o vindeiro 14 e 15 de decembro. A acusación pide 14 anos de prisión para Torrealdai, Otamendi, Uria e Auzmendi e doce anos para Oleaga.

Un ataque á liberdade de expresión co que non só se criminalizou un diario senón "o conxunto da actividade relacionada co éuscaro". Así o denunciaban representantes de formacións políticas (PNV, EA, EB-Berdeak ou Aralar), sindicatos (ELA, LAB ou CCOO) e persoeiros diversos da sociedade vasca, desde académicos da Euskaltzaindia até futbolistas, pasando por escritores, músicos ou bertsolaris, durante unha das concentracións realizadas neste tempo en apoio dos imputados.


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: