A resolución subliña que a manifestación na defensa dos montes comunais contaba con autorización e condena ao soldado a pago dunha multa e unha indemnización.
Un ano despois da primeira manifestación dos veciños de Salcedo en rexeitamento da ampliación do perímetro de seguridade do cuartel da Brilat, coñecemos a decisión da Xustiza sobre a actuación policial. Daquela, os manifestantes denunciaron a desmedida actuación da Policía Militar, que mesmo chegou a bater nunha muller, que tivo que ser trasladada a un centro sanitario. Agora o Xulgado de Instrución número de Pontevedra conclúe que a lesionada, María Carme Regueira, foi efectivamente "vítima dunha agresión" por parte dun policía militar.
O tribunal condena ao soldado, Julio César González, quen entón "prestaba servizos no control de acceso ao cuartel" ao pago dunha multa de 240 euros e dunha indemnización de 300 euros á muller. A resolución baséase en que "era unha manifestación autorizada fronte á entrada do acuartelamento" da Brigada de Infantería Lixeira e recolle que "o acusado propinou unha puñada no pómulo de María Carme provocando a súa caída ao chan". Trasladada ao Punto de Atención Continuada (PAC) de Pontevedra, foi diagnosticada dunha erosión na mucosa do beizo inferior e dun edema na mesma zona. A maiores, na mesma sentenza, que é recorríbel, absólvese á veciña da falta de lesións pola que tamén estaba imputada.
Máis mobilizacións
O vindeiro martes 8 de decembro, coincidindo co ano exacto daquela accidentada manifestación, os veciños volverán a Figueirido para reclamar a titularidade do monte. Será unha concentración pacífica ás portas do acuartelamento da brigada e porá sobre a mesa tres demandas clave: a devolución do monte comunal aos veciños; contra as franxas de seguridade; e contra as agresións dos militares aos cidadáns.