Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Adicae advirte da nova fraude na Terra Chá

Ollo cos calotes na captación de aforro

A asociación recibiu avisos de varias persoas supostamente estafadas por Crediges, empresa de créditos que, contravindo a lei, ofrece produtos de aforro.

Redacción - 18:30 25/11/2009

A asociación de usuarios de bancos, caixas de aforros e seguros (Adicae) advertiu dunha posíbel nova estafa financeira que se está a dar na Terra Chá. A entidade recibiu varias denuncias de persoas afectadas polos depósitos que investiron en Crediges, unha entidade dedicada a conceder créditos e préstamos, pero que tamén ofrecía produtos de aforro, actividade prohibida pola lei a estas empresas.

Os testemuños dos afectados aseguran que a entidade non lles está a aboar a rendibilidade pactada, polo que acudiron á sede de Crediges en Lugo para retiraren os seus aforros. Mais non se lles permitiu efectuar a operación, coa promesa reiterada dos empregados de que recuperarían os aforros no futuro, sen chegar a recoñecer as perdas que terían que asumir os clientes, que poderían superar o millón de euros.

Adicae anunciou que reunirá as persoas afectadas en varias asembleas informativas na Coruña e en Vigo, para proporcionarlles información sobre o caso e as medidas a tomar. A asociación de defensa dos consumidores xa ten denunciado que moitas empresas que conceden crédito están comezando a captar aforro, algo reservado a bancos e caixas, amparadas pola lei 2/2009, que lles permite actuar sen a supervisión do Banco de España. Isto provoca a desprotección dos usuarios, que quedan excluídos do Fondo de Garantía de Depósitos.

A asociación dirixirase ao Instituto Galego de Consumo para estabelecer canles conxuntas de cooperación para evitar que este tipo de empresas capten ilegalmente aforro e para vixiar as condicións en que se lles concede crédito aos consumidores.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: