Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xunta e entidades danse unha semana de prazo

Cara ao futuro das caixas: coincidencia no "diagnóstico", desacordo no "tratamento"

Os mandatarios de Caixa Galicia e Caixanova saen da xuntanza co presidente da Xunta cun informe e dous compromisos: "Garantir galeguidade e solvencia".

Redacción - 18:45 24/11/2009

"Frutífero" e "clarificador" foron cualificativos empregados polo presidente do Goberno, Alberto Núñez Feijoo, para referirse ao encontro que na mañá deste martes mantivo co director xeral de Caixa Galicia, Xosé Luís Méndez, e o presidente de Caixanova, Xulio Fernández Gayoso. Núñez Feijoo admitiu coincidencia entre todas as partes ao respecto da avaliación do escenario de crise mais referiuse aos diferentes enfoques do "tratamento" a aplicar para superar o problema.

Con todo, asegurou Feijoo que na xuntanza tería quedado clara "a necesidade de Galiza de atopar unha estratexia común no escenario financeiro español". "As caixas deben encontrar o que nos une, que esa é a razón de ser, o que máis interesa a Galiza e aos galegos", expuxo o presidente da Xunta, chamando as entidades a adaptárense aos tempos e non permanecer "inmóbiles".

Sete días de prazo
Xa que logo, Caixa Galicia e Caixanova teñen enriba da mesa desde este martes o informe que a Xunta elaborou ao respecto da súa situación financeira. Ao fío deste documento, avanzou Alberto Núñez Feijoo que as tres partes acordaron dárense un prazo "máximo" dunha semana para estabelecer unha "estratexia común" sobre o futuro das caixas. Un equipo da consellaría de Facenda, liderado pola propia conselleira, Marta Fernández Currás, mediará entre as entidades na procura dunha posición común.

"Sen dúbida, até o de agora as caixas de aforros traballaron, e ben, nun réxime de competencia, agora, o mapa financeiro obriga a traballar tamén nun réxime de colaboración, de cooperación, e por iso estamos xuntos, buscando a mellor decisión para defender os intereses de Galiza", afirmou Núñez Feijoo. Neste sentido, o presidente convidou as caixas a analizar con "rigor, responsabilidade e sobre todo con obxectividade" o informe da Xunta, unha análise que cualificou de "estudo concienzudo". O dobre obxectivo, asegurou Feijoo, será "garantir a solvencia e a galeguidade das caixas".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: