Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Lexislación anti-descargas

A comisaria de Telecomunicacións pídelle ao estado español que non corte internet

Viviane Reding advertiu en Barcelona que seguir o camiño marcado por Francia e polo Reino Unido entra en conflito coa lexislación europea.

Redacción - 12:15 24/11/2009

A comisaria europea de Telecomunicacións e de Sociedade da información, Viviane Reding, envioulle un aviso ao goberno español, asegurando que "as medidas que permitan a interrupción no acceso á internet sen un procedemento imparcial perante un xuíz van entrar en conflito coa UE".

Reding pronunciou esas palabras en Barcelona, durante o II Encontro Internacional organizado pola Comisión do Mercado das Telecomunicacións (CMT), dando a entender que existe algunha intención por parte do goberno español de cortar as conexións se se descargan arquivos protexidos, a imitación da lexislación francesa ou británica. E todo iso, malia que a ministra de Cultura, Ángeles González-Sinde, descartara este tipo de sancións.

A comisaria convidou as autoridades españolas a "consultar de perto" as europeas antes de tomar ningunha decisión, advertindo de que, doutro xeito, "o Estado Español meteríase nunha rúa cega e entraría en conflito coa lexislación europea". No entanto, non hai coincidencia de criterios entre a Comisión europea, o Europarlamento e os estados membros neste asunto.

Reding asegurou que estivo a seguir "con interese as discusións no Estado Español, primeiro entre operadoras e asociacións de posuidores de dereitos de autor e agora entre as comisións interministeriais", en referencia ao proceso que se está a seguir de cara a regular proximamente os contidos na internet.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: