55 deportistas de cada unha das seis universidades do Norte de Portugal e da Galiza participantes compiten deica á quinta feira en Compostela.
330 participantes, 55 de cada unha das seis universidades participantes do Norte de Portugal -do Porto, do Minho, de Trás-os-Montes e Alto Douro- e da Galiza -da Coruña, de Vigo e de Santiago (organizadora), compiten desde este martes nos XXIV Xogos Galaico-Durienses, que se han disputar deica á quinta feira en Compostela, organizados pola USC.
Por vez primeira, a billarda, a chave e os bolos celtas inclúense na competición. Súmanse este ano ao baloncesto, balonmán e voleibol mixtos, ao tiro con arco, ao duatlón, ao tenis de mesa mixto ou ao xadrez.
O pavillón e o campo de fútbol, a piscina, o estadio de atletismo e a sala de usos múltiples da Residencia Monte da Condesa, ademais do pavillón de Santa Isabel que o Concello de Santiago cede á USC, acollerán as competicións.
Os Xogos Galaico-Durienses son unha competición deportiva universitaria que xunta anualmente desde 1993 deportistas e membros da comunidade universitaria desta media ducia de centros da Eurorrexión.