Ferrol e Betanzos, ante o Gadis e o Froiz, foron os escenarios escollidos polos manifestantes para demandar incrementos salariais de 55 euros.
A patronal só ofrece unha suba salarial de 8,20 euros
Os traballadores dos supermercados das provincias da Coruña e Pontevedra iniciaron este luns o seu calendario de mobilizacións para reivindicar que se reabran as negociacións do convenio colectivo do sector. Unhas 250 persoas participaron nas protestas realizadas en Ferrol e Betanzos, perante o Gadis e o Froiz, para reclamar unha mellora salarial no documento que negocian empresas e sindicatos.
Demandas
Os sindicatos exixen unha suba lineal de 55 euros mensuais, fronte aos 8,20 que propoñen as empresas. Ademais, reclaman que o convenio laboral teña vixencia de dous anos e non de catro, como pretende a patronal. Asemade, piden a revisión das categorías laborais, unha xornada anual de 1.780 horas e unha axuda escolar de 350 euros anuais (para nenos menores de tres anos) e de 100 euros (se teñen entre tres e 18 anos).
As traballadoras denuncian que as empresas do sector están aproveitando a crise para intentar conxelar os salarios, malia que a recesión económica non estea a afectar gravemente ao sector da alimentación. Lamentan que, mentres elas perden poder adquisitivo, as empresas continúan incrementando os seus gastos en publicidade. "Din que vivamos como galegos", di Cristina Martínez, representante da CIG, "pero deben entender que é así, tragando cunha suba salarial de oito euros ao mes non nos dá máis que para unha barra de pan".
Mobilizacións
A CIG, UXT e CCOO, de xeito unitario, pactaron xa un calendario de mobilizacións que inclúe a convocatoria dunha xornada de paro laboral o vindeiro venres 27 e unha folga indefinida a partir do nove de decembro, sempre que as empresas "non modifiquen a súa postura pasiva e inmobilista".
Ademais, o martes repetiranse as concentracións de protesta en Narón (ante o Lidl do Polígono Río do Pozo), en Santiago de Compostela (ante o Froiz do Toural) e na Coruña (no Gadis do Centro Comercial Catro Camiños). A patronal que está negociando o actual convenio está encabezada por Gadis, Froiz, Arbol e Lidl, de aí que sexan estes estabelecementos os escollidos para as protestas.