Os traballadores de Pascual saen en procesión pola defunción da planta de Outeiro de Rei e exixen á Xunta que explique por que proxecto vai optar.
Quedan 12 días para que expire o ERE e os 135 traballadores da planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei (Lugo) temen polo seu futuro. "O tempo corre e o único que vemos é a pasividade total por parte da Xunta", di Christian López, da CIG Alimentación. Ante esta falta de resposta, os empregados de Pascual quixeron chamar a atención da Administración cunha nova manifestación, desta vez a xeito de procesión.
Máis dun cento de traballadores da planta escenificaron un vía crucis para representar a "nosa particular paixón" e exixir unha solución. Logo de que nas pasadas semanas iniciasen un peche indefinido nun campamento que se mantén situado nas proximidades da fábrica, este luns optaron por facerse coa Nacional VI e camiñaron con cruces de madeira polas súas marxes.
Cunha marcha presidida por un cadaleito que levaba escrito "Pascual mata", os manifestantes substituíron os rezos e cánticos relixiosos por consignas contra a Xunta de Galiza e contra Alberto Núñez Feijoo. Ao presidente da Xunta recoñéceno como o "principal responsábel da situación" e acusárono de "xogar coa situación dos traballadores".
Expectativas e intereses ocultos
"Non nos queda máis que seguir manifestándonos", di a Vieiros Christian López. Ao tempo asegura que farán "toda a presión política e mediática que poidamos, para conseguir unha solución antes do catro de decembro". Nesa liña, adianta que esta mesma semana haberá novidades ao respecto, xa que se adiantou para a tarde do martes a asemblea de traballadores.
"Non entendemos até cando pensa Feijoo manterse en silencio", di, "non está a buscar unha solución activamente e queremos que nos diga xa cales das propostas que hai sobre a mesa son viábeis e cales non", insiste López. Ao respecto entende que, neste caso, "hai moitos intereses ocultos, a maior parte políticos, que fan que a Xunta opte preferibelmente por unha ou por outra proposta". Con todo, aseguran que "nós, o único que pedimos son vías de saída para a nosa situación e garantías de que sexa canto antes".