Esta foi a frase máis repetida pola maioría dos oradores durante o acto que a plataforma 'Galego, patrimonio da humanidade' organizou este sábado en Compostela.
O actor e autor teatral, Cándido Pazó, e o músico Roi Casal e a súa banda foron os encargados de amenizar -con grande éxito en ambos os dous casos- o acto "Lingua de liberdade" que a plataforma 'Galego, patrimonio da humanidade' organizou este sábado pola mañá no Teatro Principal de Compostela. Un acto en que se lle volveu pedir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a "volta ao consenso" en política lingüística.
Interviñeron representantes do colectivo (Henrique Monteagudo e Fermín Bouza), sindicais (os secretarios xerais de UXT, Xosé Antonio Gómez, e de CC.OO, Xosé Manuel Sánchez Aguión), políticos (a ex conselleira socialista de Educación, Laura Sánchez Piñón, e o ex deputado do BNG, Pablo González Mariñas), e oito destacados profesionais "en nome da sociedade civil".
A continuación ofrecémoslles un breve resumo das intervencións por orde cronolóxica:
Representantes sindicais
Xosé Antonio Gómez, secretario xeral de UXT
"Convivir con dúas linguas en total liberdade, lonxe de ser un problema, é un privilexio". "Os que queren rachar o consenso están a provocar feridas innecesarias". "Involucrouse irresponsabelmente o pobo galego". "Por unha presa de votos cometéronse moitas atrocidades. É necesario volver ao consenso e á cordura".
Xosé Manuel Sánchez Aguión, secretario xeral de CC.OO
"Débese asegurar o coñecemento das dúas linguas no acceso dos traballadores á Administración". "No ensino, onde existe a cooficialidade, a única maneira de garantir os dereitos lingüísticos é asegurando a competencia nas dúas linguas". "Algúns utilizaron a lingua como mercadoría electoral ou privada para conseguir obxectivos fóra de Galiza". "É necesario recuperar o consenso".
"Representantes da sociedade civil"
Manuel Portas, sociolingüista e profesor de Secundaria
"A lingua é de todos, non é exclusividade de ninguén tampouco de ningunha formación política; é patrimonio da humanidade".
Mari Luz Canal, avogada
"Desexo que se habiliten as ferramentas necesarias para que o galego poida ser utilizado polos profesionais da Xustiza, e que o cidadán non deixe de falalo cando atravese a porta dun xulgado". "Cómpre dignificar a nosa lingua".
Marisol López Facal, neuróloga
"Os enfermos falan galego, non só os velliños nas aldeas". "Hai dúas clases de médicos: os que saben dialogar cos enfermos e os que non, e os que saben falar galego son dos primeiros". "Estes aprendices de señoritos queren erradicar o noso idioma".
Marilar Aleixandre, escritora
"Unha meiga cortoulle a lingua a unha serea e deulle en troques dúas pernas. Os prebostes actuais quérennos cortar a lingua e nin sequera nos dan pernas. Non as queremos. Eliximos a nosa lingua de peixes e convoco a luras e polbos a espallala polos océanos".
María Vitoria Otero, decana da Facultade de Matemáticas da USC
"A nosa facultade sempre estivo implicada e comprometida cos avances. Desenvolvemos un léxico galego axeitado para as Matemáticas". "O galego é un aliado, non un atranco. En cuestión de lingua, sumar sempre sae a conta".
Anik Nandi, estudante índio de doutoramento
"Ao chegar a España xa sabía castelán, así que vin vivir a Galiza intereseime en coñecer o galego. Debemos aprender as linguas de onde vivimos como estranxeiros. Coñecer a alguén sen a súa lingua é como coñecelo sen corazón".
Antón Reixa, realizador e produtor audiovisual
"Os nosos devanceiros conseguiron que a nosa lingua chegara viva até os nosos días". "O galego serve para o agro e para a tecnoloxía, para as regueifas e para o rap". "Viva Babel! Máis Galiza e máis galego!".
Tamara Canosa, actriz
"Cando eu estudaba na escola só tiñamos tres materias en galego". "Moitos compañeiros meus non son quen de se expresaren en galego, non por unha cuestión de prexuízos, senón porque todos os elementos socializadores están en castelán". "Hai que recuperar a xeración Pokemon".
Representantes políticos
Laura Sánchez Piñón, ex conselleira de Educación
"Cada vez que unha lingua se extingue é toda a humanidade a que perde". "A escola é o elemento máis poderoso para conservar a diversidade lingüística". "As linguas forman un mosaico de visións, cada visión nunha lingua e o galego a nosa visión como pobo".
Pablo González Mariñas, ex deputado do BNG
"A lingua non é patrimonio de ninguén". "Queren dividirnos e disolvernos na lingua de Castela, porque saben que cando se destrúe a lingua dun pobo, é moito o camiño avanzado na destrución dese pobo". "Nin mil, nin dez mil: primavera eterna para a nosa lingua!".
Representantes da plataforma
Henrique Monteagudo
"Non competimos coas outras dúas plataformas. Algúns de nós formamos parte dunha e doutra ao tempo". "Cómpre abrir o debate sobre a lingua, circunscrito á política e a sectores limitados". "Presionada polas elites sociais, como o Club Financeiro de Vigo, a política lingüística da Xunta está a deixar desprotexida a lingua". "O PP debe volver ao consenso que rachou cando se opuxo ao decreto do galego no ensino".
Fermín Bouza
"As batallas gáñanse cando se dan". "Estamos no bo camiño, aínda que a situación do galego non é boa nin política nin tecnicamente". "Se sacamos a cuestión política gañamos todos: Feijoo porque sae do burato negro onde non contaba meterse, e nós porque sacamos a matraca da crispación e poderemos avanzar na revitalización da lingua". "Aínda que non mandamos levamos a iniciativa social". "Hai que avanzar con intelixencia e sen excesos".
Entre outros, sentados nas butacas do Teatro Principal, estaban: Senén Barro (reitor da USC); Ismael Rego, Xosé Manuel Lage, Xaquín Fernández Leiceaga, Francisco Cerviño (deputados do PSdeG); Carme Adán, Encarna Otero e Néstor Rego (do BNG, reunido en Consello Nacional a esa mesma hora); Antón Baamonde e Xosé Antonio Perozo (escritores). Escusaron a súa ausencia no acto, entre outros: Lourenzo Fernández Prieto, Suso de Toro, Antón Louro, Vítor Freixanes, Xesús Alonso Montero e Manuel Bragado.