Mentres cae un 14,5% o número de sociedades constituídas no Estado Español no pasado mes, créanse un 40% empresas galegas máis.
No último mes 192 emprendedores concluíron os trámites para teren a súa empresa
A crise non mete medo aos emprendedores galegos. Segundo os datos publicados este mércores polo INE, Galiza sitúase entre as comunidades autónomas nas que máis empresas se crearon no pasado mes. Mentres a constitución de novas sociedades caeu un 14,5% no Estado Español no pasado mes de setembro, en Galiza creáronse nese mesmo período 291 empresas (+40%).
O capital suscrito por esta incipiente actividade empresarial ascendeu a 6,7 millóns de euros, cifra equivalente ao capital desembolsado. A meirande parte destas entidades de nova creación constituíronse como sociedades limitadas (289), mentres que as dúas restantes formaron sociedades anónimas.
Liderando a creación de empresas
A estatística revela datos diferentes se analizamos o concepto anualmente: con respecto a setembro do ano pasado, a constitución de novas sociedades seguiu unha similar caída tanto no Estado (cun 27,1% menos) como en Galiza (cun 29% menos). Mais, o emprendemento por parte do empresariado galego nestes últimos meses é notábel situándose entre os que máis iniciativas empresariais desenvolven.
A constitución de empresas está liderada por Madrid, onde se crearon 1.195 novas sociedades, seguida de Andalucía (con 897), Cataluña (804) e a Comunidade Valenciana (596). Galiza ocupa o quinto lugar neste listado, se ben hai que ter en conta o seu menor peso poboacional. Ademais, o capital suscrito aquí supón un 3,2% da porcentaxe de todas as empresas creadas no Estado.