Desde a presidencia de quenda da UE, o primeiro ministro sueco informou da xuntanza onde se elixirá tamén o Alto Representante da Política Exterior.
Herman Van Rompuy, primeiro ministro de Bélxica
O primeiro ministro de Bélxica, Herman Van Rompuy, apareceu os últimos días como punto de encontro para o consenso nas corredoiras políticas europeas cara aos novos cargos de presidente estábel do Consello Europeo e Alto Representante da Política Exterior.
A cita para rematar coas especulacións e tomar unha decisión final será o vindeiro xoves 19 de novembro, nunha cimeira extraordinaria convocada polo goberno de Suecia, na presidencia de quenda da Unión Europea este semestre. O primeiro ministro sueco, Fredrik Reinfeld, comunicou que a ese encontro os líderes europeos chegarán despois dunha rolda previa de consultas. Deste xeito, os nomes a ocupar estes novos cargos serán coñecidos antes de que o próximo 1 de decembro entre en vigo o novo Tratado europeo.
O gran favorito hai semanas para ocupar o posto de presidente do Consello Europeo, o ex primeiro ministro británico Tony Blair, perdeu apoios nos últimos tempos, ao tempo que abrollaba entre outros o nome do belga Van Rompuy. O ministro francés de Exteriores, Bernard Kouchner, que confirmou este martes a vontade dos executivos de Francia e Alemaña de acordar conxuntamente o candidato que apoiarán, descartou que haxa nesta altura favoritos claros e citou, ademais de Blair, o nome de Jean Claude Juncker, primeiro ministro de Luxemburgo. Por outro lado, o ministro británico de Exteriores, David Miliband, que aparecía como posíbel candidato á representación exterior da UE, expresou publicamente que non lle seduce este cargo, ao tempo que Gordon Brown metía presión no debate subliñando que Tony Blair é o único candidato do Reino Unido para ocupar un dos novos cargos europeos.