A web de referencia da música electrónica galega edita unha revista impresa para chegar a novos lectores.
Hai máis de un ano que Galizaelectronica.com está na rede para informar da actualidade da música electrónica en e desde Galiza. Agora ao proxecto nácelle unha nova pata en forma de revista impresa, non pensada tanto como versión en papel da publicación dixital senón como xeito de achegar máis visitas ao seu sitio na rede e seguir a fomentar a música electrónica no país.
Vén de saír o primeiro número, cun milleiro de exemplares que se distribuirán en universidades, festas e locais de toda Galiza e de localidades do norte de Portugal, como Monçao, Valença do Minho e Melgaço. A revista leva á portada a Cora Novoa, unha artista electrónica e dj nacida en Ourense hai 24 anos e que na actualidade reside e traballa en Berlín. Alí vén de publicar o seu primeiro traballo, Unattainable Love.
A publicación inclúe tamén as entrevista ao dúo de djs e produtores vigueses Subsótano, e a Steff Ungerer, director do colectivo londiniense New Opera Hero, que fusiona audiovisual e música electrónica. As 16 páxinas do número complétanse cunha reportaxe sobre o Sónar, noticias breves e revisións discográficas.