Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
A FEG solicita un novo plano sectorial eólico e a ampliación sen máis dilación da Rede Natura 2000

A FEG cualifica como pésima a proposta de lei de aproveitamento eólico en Galicia

A Xunta ampárase no plano eólico do ano 1997 para evitar a avaliación ambiental estratéxica que esixe a UE

Federación Ecoloxista Galega (FEG) - 19:26 09/11/2009

A FEG amosa o seu rotundo rexeitamento á nova proposta eólica e solicita a derrogación do Plano Eólico vixente e a aprobación do novo Plano Sectorial Eólico de Galicia. Así mesmo a FEG considera unha burla que se pretenda vender o reparto eólico de 2300 MW como algo novo e óptimo, cando na realidade está a se aproveitar dos rasquizos legais que permite o desfasado plano de 1997.

A FEG lembra que o bipartito cometeu o mesmo erro capital ao non elaborar un novo plano eólico, que permitise desterrar os máis escuros intereses de adxudicación que agocha a planificación eólica concibida en plena voráxine do PPdeG ao fronte da Xunta.

Que medo ten a Xunta de Galicia a adecuar o Plano Eólico aos tempos actuais? A resposta está na Directiva 2001/42/CE, trasposta na Lei 9/2006, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente. Debido a que a súa aplicación (que incorpora requirimentos de esixencia ambiental para un equilibrado e sostíbel ordenamento territorial) non ten carácter retroactivo, o xeito de eludir o seu sometemento é ampararse no plano aprobado hai 12 anos. Con toda probabilidade a avaliación estratéxica axustaría a potencia eólica a capacidade real que Galicia pode aturar.1

A proposta de lei é pésima e até resulta paradoxal que con toda a inseguridade xurídica suscitada, se pretenda orquestrar un reparto de tal potencia partindo duns mínimos condicionantes ambientais.

Unhas nulas garantías ambientais baseadas fundamentalmente en catros aspectos:
1.- O rebaixamento e anulación do proceso de avaliación de impacto ambiental, que vai a contracorrente da normativa vixente.
2.- Simplificación na tramitación por medio das licenzas municipais, cando seis de cada dez concellos en Galicia carecen de Plano de Ordenación Urbanística (que, tamén debe estar sometido a Avaliación Estratéxica Ambiental).
3.- O incumprimento da Lei 42/2007, de 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, do Decreto 88/2007 do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas e da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.
4.- O desprezo da Rede Natura 2000, que precisa antes de calquera outra aprobación de proxectos de forte incidencia territorial, ter aprobados os Planos de Conservación e, por requirimento da UE, aprobar dunha vez a tan demandada ampliación que equipare Galicia cos outros territorios do estado.


1) En coincidencia co anterior, a FEG quere sinalar que a Comisión Europea vén de contestar por escrito unha pregunta formulada pola eurodiputada do PP Cristina Gutiérrez-Cortines (pregunta parlamentaria H-0297/09 do 1 de setembro, con enlace:
http://www.europarl.europa.eu/sides/getDoc.do?pubRef=-//EP//TEXT+CRE+20090917+ANN-01+DOC+XML+V0//ES&language=ES&detail=H-2009-0297&query=QUESTION ).

A contestación da Comisión indica que os planos eólicos deben estar sometidos a Avaliación Estratéxica Ambiental, ademais de ser sometidos a unha axeitada avaliación de impacto ambiental, sobre todo en cumprimento do artigo 6 da Directiva de Hábitats nos espazos Rede Natura.

Unha avaliación ambiental deste tipo podería desenmascarar os atropelos ambientais cometidos sobre o medio natural galego na última década, con impactos ambientais en espazos de montaña, na Rede Natura 2000 e noutros, de carácter crítico e irreversíbel. O sometemento a Avaliación Estratéxica Ambiental obrigaría a analizar o impacto ambiental de tódalas instalacións eólicas no seu conxunto, ademais da avaliación de impacto nesgada que se vén facendo até agora. Permitiría coñecer, en base a datos técnicos e cercando as previsións de arbitrariedade, o teito de capacidade e potencia eólica de Galicia. Igualmente a Avaliación Estratéxica Ambiental esixe a obrigatoriedade da participación cidadán na confección do Plano.


4,64/5 (11 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: