Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
Entrevista

Dúas mulleres de Nicaragua entre nós

Sentamos a conversar con Norma e Chilo sobre a Nicaragua de hoxe e o seu traballo coa nosa amiga Ana Vila, apoiado pola asociación luguesa AXUNICA (AXUda NICAragua). Elas mesmas se presentan

Juan Antonio Pinto Antón - 20:25 06/11/2009

  .  Norma: O meu nome é  Norma Elisa Echevarría Mendoza. Son nicaraguana. Teño doce anos de estar traballando con Ana Vila e con AXUNICA nas comunidades de Malacatoya, Tepalón, Santa Ana, El Tabacal e Los Ángeles.   Chilo: Eu son Chilo Talavera. Veño de Nicaragua pola graza de Deus. Son membro da Fundación Apostamos pola Vida. Son nai de catro fillos.

   A carón noso está  Ana Vila Montero. Quen é Ana e que supuxo para o voso traballo?

Norma: Ana é unha compañeira de camiño. É unha muller que ten dado a vida por Nicaragua, que se entregou organizándonos, traballando en grupo, dándonos formación ás mulleres, ás máis marxinadas. Ana Vila é unha amiga na que podemos confiar. É unha persoa que escoita, que nos anima. Para min é unha nicaraguana máis.
Chilo: Ana para min significa moito. É unha persoa demasiado grande. Hai uns vinte anos que chegou a Nicaragua. E a nós, como mulleres estános a ensinar moitísimo. Queremos seguir o camiño que nos trazou. Ela é a representante de AXUNICA e para Nicaragua é unha gran persoa.

   Que sentides e cales son as vosas impresións ó saltar estes días entre dous mundos que, realmente, son un só?

   Norma: É impresionante. Non se pode comparar. É todo moi distinto. España é  un país que ten todo completo. Comparada con Nicaragua vexo que hai moitas dificultades pero tamén moita irmandade como demostra AXUNICA que nos apoia desde o principio. Únenos a solidariedade. Pero para min o salto foi moi forte, moi rechamante.
Chilo: Impresionoume tanto… Aínda que se diga que é un só mundo, este é outro mundo non comparable co noso. De tanta impresión non sei que dicir.

   Gustaríanos vivir coas vosas palabras a situación de Nicaragua. Chegan noticias inquietantes como os intentos do goberno de silenciar a Ernesto Cardenal.

Norma: Daniel Ortega non cumpriu o que prometeu. Foi unha ilusión para a maioría dos nicas, que as cousas poderían cambiar, pero a situación segue igual. Se reclamamos os nosos dereitos, xa estamos mal co goberno. Iso non se permite, estamos mal vistos, estamos contra o goberno. Daquela non se pode erguer a voz porque o goberno non permite liberdades.

Chilo: En realidade non me asusto de que calen ahorita a Ernesto Cardenal porque Nicaragua está pasando por unha etapa crítica en todo o político. Todo o movemento de mulleres danos esperanza como para erguer a voz como antes, pois hoxe téñena completamente bloqueada cun muro máis grande que a muralla de Lugo. Agora unha non pode erguer a voz. E algúns medios mandan que calemos. Din o que o goberno lles manda. No político estamos moi mal.

AXUNICA desde Lugo apoia o voso traballo. En que consiste?

   Norma: Valoramos moito o seu traballo. O noso é dar formación no grupo de mulleres para que creamos en nós mesmas. Traballamos no comedor infantil porque temos un problema real de fame. Axudamos á comunidade para que os nenos poidan ter unha comida ó día. Estamos a traballar cun grupo de mulleres en micro-financeiras para que poidan levar un pouco de diñeiro a casa. Tratamos de que sintan que son persoas. Estamos aquí, pois, traballando polo ben común das comunidades. Pensamos que o máis importante é a formación, porque a medida que nos formamos cambiamos a mentalidade, o noso desenvolvemento. Imos aprendendo e esixindo os nosos dereitos.

Chilo: Traballamos e dirixímonos especialmente ás mulleres porque a muller en Nicaragua está moi marxinada e ten a súa autoestima moi baixa. Séntese inútil porque así a ten o compañeiro, como se fose un obxecto que non vale nada. Aproveitamos para traballar con mulleres e nenos que son moi maltratados. Por iso tentamos darlles formación, afianzar a súa autoestima. De feito algunhas mulleres xa saíron adiante.

   Dende aquí  pensamos que a muller debe protagonizar o desenvolvemento das comunidades. Ou deixamos o protagonismo nas mans dos homes?

Norma: Ó longo destes anos a muller é a que vai facendo o traballo cotián, pero ese traballo é invisible. O traballo que fai a muller non é recoñecido. Dende que se ergue pola mañá ata que anoitece anda dando voltas e máis voltas. Traballa pola familia, pola comunidade, por si mesma, por saír adiante. As mulleres facemos o traballo diario pero á sociedade cústalle aceptar o que facemos.

Chilo: No dos homes non podo contestar. Nós estamos a loitar coas compañeiras mulleres para que poidan saír adiante cos fillos. As mulleres estamos como secuestradas polos maridos e aínda así saímos adiante. Falamos máis, participamos máis, reclamamos máis os nosos dereitos.

   Volvo a temas moi concretos. En que proxectos traballan actualmente e cales son os dun futuro inmediato?

   Norma: Traballamos con proxectos de venda de medicamentos -non de marca senón xenéricos- que poida mercar a comunidade. Temos proxectos de formación que son moi importantes para a mocidade. Temos becas de estudantes para que os chavalos poidan estudar en Granada, para que poidan formarse e resulten un beneficio para a comunidade. Por exemplo, temos un chavalo que estuda medicina. É o seu soño e o noso para que no futuro sexa un beneficio para a comunidade. Temos tamén proxectos de retretes. Actualmente estamos a facer un proxecto de vivenda que apoian varios organismos.

Chilo: Traballamos cunhas oitenta mulleres nas comunidades. As mulleres levan hortas comunais onde cultivan a súa parcela para o seu beneficio. As mulleres pertencen a un comité que leva un proxecto de auga que naceu no ano 2000, apoiado por AXUNICA e os xesuítas pois había comunidades sen auga potable e con moitas enfermidades, unha situación antihixiénica. Hai outras mulleres organizadas en proxectos de costura e artesanía. Temos proxectos de integración da mocidade porque pensamos que ó final é a xente nova a que vai lograr unha maior formación.
 
Esta é unha entrevista para IRIMIA, unha revista para crentes galegos. No voso traballo, nas vosas comunidades sentides a apoio da Igrexa de Nicaragua?

   Chilo: Non sentimos ningún apoio da Igrexa. Vemos o exemplo de monseñor Ovando que se integrou nas filas do goberno. Que podemos esperar os que estamos abaixo? Non temos ningún tipo de apoio.
Norma: A xerarquía non baixa ata a xente máis desfavorecida. Falamos dun Deus, pero é  un Deus para eles porque a Igrexa non nos axuda.

   Ás veces pensamos que o traballo de ONG como AXUNICA pode crear dependencia a longo prazo, afacendo a xente a vivir dependendo de axudas externas. Que pensan disto?
 
Norma: O goberno debe cubrir todas estas necesidades pero non o fai. Grazas ó traballo das ONG vemos que hai familias que saen adiante. O obxectivo das ONG é ensinar a pescar para que non esteamos sempre dependentes. Nestes momentos non podemos andar sós porque hai moita desigualdade e precisamos axuda.

Chilo: Escoite, estas axudas agora son imprescindibles. O obxectivo é que as mulleres formen os seus colectivos. Non nos cremos mestras porque tamén aprendemos moito das comunidades. Xa temos mulleres que se independizaron e iso alegrounos. Traballan independentemente na casa grazas á formación que recibiron. Teñen unha entrada económica e poden ser independentes. Se as ONG se retiran non sei o que pasaría. Non sei cando Nicaragua será capaz de vivir independente da axuda exterior e das ONG.
 
Que futuro cren que teñen as comunidades nas que traballan? Son optimistas ante o futuro de Nicaragua?

   Norma: Nunca hai que perder as esperanzas. Hai que ser moi optimistas. Hai que seguir loitando e estar animadas, e sobre todo organizadas, formándonos e loitando polos nosos dereitos. Hai que estar sempre co corazón aberto e pensar que todos somos iguais. E que hai un mundo que é posible sempre e cando cambien as mentalidades e os corazóns e que non haxa unha pedra no medio que nos estea obstaculizando.
Hai barreiras aí. Tamén é certo que estamos afastadas, pero os nicaraguanos podemos saír adiante a pesar do pasado que temos de guerras, furacáns, catástrofes e terremotos. O de Nicaragua é un pobo que segue loitando e que non pode perder a esperanza.

Chilo: Eu tamén o vexo así. Non perdemos as esperanzas. Vemos que cando nós, os pobres, creamos en nós mesmos, daquela imos trunfar. Pero esa é unha loita continua creando conciencia de que ninguén é máis ca ninguén. E que, se existe un Deus, todos somos iguais, todos como fillos de Deus. No mundo hai moitas desigualdades porque moitos só miran a si mesmos. Aínda así, temos moita esperanza.

   Despois destes días aquí, con Ana, con tantos amigos, que levades de volta a Nicaragua?
 
Norma: Levamos moitas impresións e o ánimo de seguir traballando mellor por Nicaragua. Ver aquí tantas desigualdades… É inexplicable o que sinto porque teño ganas de chorar. Dan ganas de preguntarse por que aquí todo está ben e en Nicaragua todo está mal... (E aquí, en efecto, Norma non pode seguir falando e ponse a chorar)
Chilo: Eu levo de aquí  unha impresión grandísima de todo o que vimos, de como vive aquí  a xente e como vivimos nós. Máis ca nada sentimos que se toda a xente fose coma os de AXUNICA e puxese unha man sobre a conciencia, todo iría mellor. É unha gran impresión a que sentimos das moitas cousas que vimos. É que nada, nada, nada se pode comparar.

   Unha honra e un pracer pola vosa testemuña e por este tempo que nos regalastes. Grazas Norma, grazas Chilo.

   (A conversa segue fora do micro. Norma non pode termar con tantas emocións. A impresión de saltar entre dous mundos tan diferentes abriulles os ollos. Un só mundo, dicimos, pero hai moitos mundos no mesmo planeta, ignorándose entre si. Transcribimos as palabras pero non a verdade que agroma desde o fondo da vida destas dúas mulleres admirables).


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: