Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Errónea aplicación dos fondos

SOS Courel quéixase das eivas de priorización nos plans de desenvolvemento sustentábel

Para o colectivo, a proposta da Xunta é un "café para todos" que no canto de aproveitar as oportunidades da nova lei cubrirá buratos municipais indiscriminadamente.

Redacción - 10:00 07/11/2009

A baixa densidade de poboación, significación de actividade agraria, reducido nivel de renda, illamento xeográfico, dificultades de vertebración territorial ou localización en Rede Natura 2000 son criterios subliñados na nova Lei para o Desenvolvemento Sostíbel á hora de fixar prioridades de actuación.

"Pensamos que se abría á luz para O Courel", expoñen desde a plataforma SOS Courel, recordando que a aprobación deste marco lexislativo en 2007 parecía ser unha ferramenta axeitada no traballo a prol do mantemento de poboación e mellora das condicións de vida e rendas da zona. "Parecía feita adrede para o Courel", insiste Orlando Gregorio Álvarez, voceiro do colectivo.

E se é certo que a área courelá cumpre con todos os criterios para aparecer como zona prioritaria, marcada co "primeiro nivel de prioridade". Mais a plataforma quéixase de que segundo a proposta achegada pola Xunta ao goberno español, o Courel aparece co mesmo nivel de prioridade que concellos como Sarria, Vilalba ou Outeiro de Rei que, en opinión de Álvarez, contan con servizos públicos e vías de comunicación ben por riba dos courelás, alén de "ínfimos ou nulos porcentaxes en Rede Natura".

Un problema xa acontecido con outros fondos
Á luz dos fondos limitados que a nova lei mobilizará, para SOS Courel, esta falta de priorización é moi reprochábel. "Noutras comunidades autónomas, como é o caso de Asturias, Cantabria ou Euskadi definiron con exactitude para este programa de emerxencia cales eran as zonas prioritarias, mentres en Galiza inclúen case todo o territorio", quéixanse.

"Tal e como se fixo xa cos programas Leader, o máis fácil na Galiza é repartir entre todos a partes iguais para que non se enfaden os alcaldes, esquecendo sempre os máis necesitados e desaproveitando unha vez máis a oportunidade de premiar os territorios que como o Courel, están protexidos pola Rede Natura 2000", denuncia SOS Courel. Neste contexto, advirten de que o presunto fondo "para os máis desfavorecidos" acabará beneficiando "os concellos de máis habitantes e os máis ricos e que teñen maior capacidade para cofinanciar estes fondos". "Desenvolvemento rural ou café para todos?", ironiza Orlando Gregorio Álvarez.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: