Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
En 2011

Uns lentes especiais ofrecerán tradución simultánea

O dispositivo desenvolvido por NEC interpretará e traducirá as conversas en tempo real e proxectará os subtítulos na retina da persoa portadora.

Redacción - 13:00 07/11/2009
O prototipo de NEC

O prototipo de NEC

A empresa xaponesa NEC xa dispón do prototipo duns lentes revolucionarios: presentan subtítulos na nosa vista que traducen instantaneamente as palabras nunha lingua estranxeira que esteamos a escoitar. O aparello, que estaría no mercado en 2011, incorpora un microproxector que expón imaxes na retina da persoa usuaria.

O aparello, denominado Tele Scouter, aspira a conquistar o mercado dos negocios, pois poderíase usar para que o persoal de vendas recibise nos ollos información sobre o rexistro de compras dun cliente durante a conversa. Pero a aplicación máis innovadora é a posibilidade de efectuar a tradución simultánea de palabras.

A BBC informa de que os lentes levan un micrófono que recolle as voces das dúas persoas durante unha conversa. Posteriormente, transfíreas a un software de tradución e sistemas de voz a texto e logo envía a tradución ás retinas de cada individuo, no seu idioma. Tamén se pode escoitar a tradución simultánea no audífono.

Segundo NEC, o dispositivo pode ser moi útil en conversas confidenciais nas que non se desexa ter que contar cun tradutor humano. A empresa asegura que o equipamento é compacto, lixeiro, cómodo e consume pouca enerxía.

A data de lanzamento previsto no Xapón é novembro de 2010, aínda que só nunha versión empresarial e sen capacidade de tradución. Esta última función prevese para 2011. O prezo de 30 dispositivos espérase que sexa de 7,5 millóns de iens (uns 55 mil euros), sen incluír as ferramentas nin o software de tradución.


2,33/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: