Dos expertos que asesoran a Comisión Europea sobre os mercados financeiros hai unha maioría de persoas vencelladas aos mesmos núcleos que causaron a crise.
Á orella dos responsábeis da Comisión Europea encargados de definir os marcos lexislativos da Unión Europea aparecen a miúdo voces privilexiadas, moitas veces procedentes de grupos de presión moi concretos. Non é a primeira vez que o colectivo Alter-EU advirte desta situación, criticando o poder dalgún lobby e os problemas de transparencia na Comisión Europea.
Desta volta, o mesmo colectivo repara de xeito concreto no que está acontecendo no contexto da actual crise económica e financeira. Segundo o estudo realizado ao respecto deste ámbito concreto, os grupos de expertos deseñados para colaborar e asesorar coa Eurocomisión e con acceso directo e privilexiado aos lexisladores, caracterízanse pola súa falta de pluralidade. Así, persoeiros vencellados á gran banca, aos xigantes dos seguros ou a diversos centros de poder empresarial e industrial, son basicamente os que teñen voz neste proceso. Deste xeito, os informes a partir dos cales se elaboran as propostas lexislativas xorden dun debate claramente "parcial" onde outros grupos de interese, académicos independentes, organizacións de consumidores ou colectivos diversos, non son nunca convidados a opinar.
O informe elaborado por Alter-EU chama deste xeito a atención sobre o paradoxo de que sexan xustamente expertos vencellados a sectores e empresas directamente relacionadas coa orixe da crise os que aparezan nas listas de convidados a opinar sobre as reformas legais necesarias no escenario actual. Unha actitude esta coa que, advirten, a Eurocomisión "está rachando as súas propias regras", renunciando á necesaria pluralidade e esquecendo o compromiso de buscar a maior "diversidade de puntos de vista" posíbel.