Amelia Anderdotter, de 22 anos, converterase o 1 de decembro na eurodeputada máis nova, despois de plantar os estudos.
Amelia Anderdotter
O Partido Pirata sueco contará cun segundo asento no Parlamento Europeo, grazas á entrada en vigor do Tratado de Lisboa, ratificado xa polo presidente da República Checa. A formación, que acadara o 7% do total dos votos no país escandinavo, sairá beneficiada, deste xeito, por un tratado ao que se opoñía.
A nova parlamentaria será Amelia Andersdotter, que acompañará a Christian Engström no Europarlamento. Converterase, ademais, na deputada de menor idade da cámara, con 22 anos. Para dedicarse por completo á política, Andersdotter abandonará os estudos de Económicas e Español na Universidade de Lund.
Amelia contoulle ao blog TorrentFreak que loitará por unha lexislación de dereitos de autor máis xusta e máis sensata, ademais de dedicarse a políticas educativas e a prol dunha economía do coñecemento en Europa: "O Parlamento precisa ir cara a unha economía de coñecemento sustentábel, e aí é onde entro eu en xogo".
Andersdotter ocupará o seu escano o 1 de decembro. Tanto ela como Engström terán moito traballo, debido á cada vez meirande influencia dos grupos de presión a favor do copyright.