Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
O próximo sábado 14 de novembro

'Galego Patrimonio da Humanidade' convoca o acto "Lingua de liberdade"

A iniciativa cívica achega os detalles da convocatoria que unirá reflexión e música a prol da lingua como "patrimonio común de todos os galegos".

Redacción - 13:30 05/11/2009

Será con probabilidade o primeiro dunha serie de eventos a celebrar noutras cidades do país. Xa que logo, o punto de arranque, en Santiago de Compostela, no Teatro Principal, o sábado 14 de novembro desde as 12 horas. O acto vai ser conducido por Cándido Pazó, e contará coa participación entre outros do profesor Henrique Monteagudo, o catedrático Fermín Bouza, a escritora Marilar Aleixandre, a actriz Tamara Canosa. Intervirán tamén os secretarios xerais de UXT-Galicia, Xosé Antonio Gómez, e de CCOO-Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión. Ademais, confirmaron a súa presencia persoeiros como Isaac Díaz Pardo, Camilo Nogueira, Xesús Alonso Monterio ou representantes da Real Academia Galega, do Consello da Cultura e do Instituto da Lingua Galega. Acudirán tamén os reitores das tres universidades e os alcaldes de Santiago, Ames, Brión e Teo. A xornada será pechada coa actuación musical de Roi Casal.

Durante a presentación da cita, Antón Baamonde, un dos voceiros da plataforma, explicou que a convocatoria trata de ser unha chamada máis á Xunta a que "reflexione" sobre as decisións en materia de política lingüística á vez que un chamamento á sociedade á "mobilización contra a actual política de desprotección do galego". Baamonde censurou que o actual Goberno use o idioma de "xeito irresponsábel" e como "mecanismo de confrontación". Outro dos promotores da plataforma, Henrique Monteagudo, recordou que o acto fora xa convocado antes da manifestación do pasado 18 de outubro, xornada aquela que, subliñou, foi demostración "clara" e de "éxito" de que "a sociedade non está por desprotexer o galego e non apoia a regresión e o clima social de crispación". Por outro lado, Monteagudo insistiu na necesidade de que calquera medida que se tome no plano da lingua desde o Goberno "debe ter amplo consenso, cando menos entre as tres principais forzas políticas e as organizacións sindicais".


4,15/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: