Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Patrimonio Cultural e Natural

A FEG comeza unha rolda de visitas aos centros escolares paradar a coñecer a Serra do Suído

A actividade acompáñase do reparto dun monográfico sobre o Suído, da proxección dun documental sobre o mesmo e de saídas guiadas á serra

Federación Ecoloxista Galega (FEG), Asemblea do Suído - 11:20 02/11/2009

A FEG está a visitar os centros escolares da contorna da Serra do Suído, para dar a coñecer os importantes valores ambientais e culturais que posúe este espazo natural de media montaña galega. As visitas terán lugar en A Lama, Avión, Covelo, Fornelos de Montes, Ponteareas e Pontecaldelas.

A presentación fai fincapé nos ecosistemas senlleiros da serra como as turbeiras, as matogueiras, os bosques de ribeira e as fragas. Tamén fálase de diversas especies de flora e fauna que habitan nos mesmos, como os narcisos, as orballiñas, os esfagnos, as aves de rapina e o lobo, entre moitas outras. Por outra banda, sinálase a importancia da presenza humana na serra para a súa conformación tal e como a coñecemos hoxe. Así faise un repaso dende o Paleolítico até a cultura gandeira relacionada coas construcións estacionais máis características do Suído: os chozos.

Ao mesmo tempo repártese unha revista sobre este espazo co título A Serra do Suído, no sur da Dorsal Galega, onde dun xeito detallado repásanse os aspectos máis salientábeis deste lugar. Esta publicación está realizada dun xeito moi visual e atractivo, onde as fotos e os debuxos se intercalan con diferentes textos como listaxes de especies, pequenos relatos e explicacións sobre o medio natural e sobre o seu patrimonio histórico e etnográfico. O reparto é de balde e para as persoas interesadas existe tamén unha versión dixital que se pode descargar dende as webs da FEG e da Asemblea do Suído (http://www.vieiros.com/xesta/novas/ e http://www.asembleadosuido.org/).

Á vez a FEG tamén editou un pequeno documental, O Suído,  que serve para achegar aínda máis os aspectos que converten ao Suído nun dos espazos de media montaña máis importantes de Galicia.

A Asemblea do Suído e a FEG propuxeron no ano 2002 directamente á UE a inclusión da Serra do Suído na rede Natura 2000. Este documento posibilitou que na actualidade a propia Xunta de Galicia inclúa á mesma na súa proposta de ampliación da rede.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: