Ponte nas Ondas entregou os premios aos traballos sobre o patrimonio realizados por escolas galegas e portuguesas.
Moito traballo e de moita calidade e, xa que logo, a vontade de que poidan publicarse os proxectos premiados e cando menos unha escolma de moitos outros presentados e que destacan polo seu valor. É un dos destaques do balance deste III Certame de Recolla da Tradición Oral organizado pola asociación Ponte nas Ondas. Desta volta o tema eran os Tesouros Vivos do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués e as bases instaban a recoller mostras e testemuñas de persoas ou colectivos merecentes deste recoñecemento de cara á creación do Sistema dos Tesouros Humanos Vivos da Eurorrexión que o colectivo está a impulsar.
Xa que logo, Ponte nas Ondas entregou este venres, nun acto celebrado no Centro Cultural d'O Porriño, os premios correspondentes, patrocinados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta da Galicia, e coa colaboración da Direcção Regional de Educação do Norte de Portugal (DREN). Na festa, onde alén dunha obra artística conmemorativa houbo títeres con inspiración no patrimonio oral galego-portuguésa a cargo de Seis Dedos, estivo unha representación de alumnado e profesorado dos centros con traballos premiados.
Velaí os premiados:
CATEGORÍA ENSINO PRIMARIO/ENSINO BÁSICO
1º Premio: ao proxecto presentado polo Jardín de Infancia de Brândara de Viana do Castelo, “O Tesouro do Penedo da Moura”, coordinado por Jorge Manuel da Fonseca Barbosa, polo desenvolvemento metodolóxico do proxecto e por identificar o patrimonio inmaterial co entorno social e co medio físico do alumnado.
2º Premio: Ao proxecto “Calendario refraneiro” do CRA Amencer, de Ribadavia, por estimular a comunicación interxeneracional e polo uso do patrimonio literario oral, o refraneiro, como fonte de coñecemento e como estímulo para a recreación da tradición.
CATEGORÍA ENSINO SECUNDARIO
1º Premio: ao proxecto presentado pola Escola Secundária c/3º Ciclo de Castro Verde. “Abre-te sineta”, traballo elaborado polos 26 alumnos de 8º ano, coordinado polos profesores Joaquim Rosa e Paulo Gaspar, pola participación colectiva do alumnado, pola correcta identificación dos Tesouros Humanos Vivos propostos, dos saberes que fornecen e dos valores que trasmiten no ámbito das tradicións e expresións literarias orais
2º Premio: Ex aequo aos proxectos presentados pola Escola E, B 2,3/S de Baião: -“Recolha de Talhas e Curas” eleborado por Sónia Santos e Sofia Santos, e coordinado por Branca Santos, pola correcta interpretación e aplicación das bases do concurso no tocante á identificación do Tesouro Humano Vivo e do seu saber, neste caso en relación coa trasmisión de coñecementos da medicina tradicional.
-“A Chula de Baião”, da autoría de Daniel Osvaldo da Fonseca Figueiredo, coordinado por Branca Santos, polo traballo de investigación arredor da historia da danza denominada “Chula”, dos instrumentos musicais que a acompañan, e da súa trasmisión e función social.
CATEGORÍA ENSINO PROFESIONAL / ENSINO PROFISSIONAL 1º Premio: ao proxecto denominado “Rancho Regional de Fafel- Lamego” presentado polo Centro de Formação Profissional da Industria da Construção Civil e Obras Públicas do Norte, de San Pedro de Avioso, Maia, coordinado por Angela María Ferreira Morais, pola identificación dun grupo como Tesouro Humano Vivo con máis de 50 anos de historia, que recolle, conserva e transmite saberes relacionados coa música e a danza tradicionais.
2º Premio: aos catro traballos presentados pola Escola Profissional Gondomar, de San Pedro de Cova, coordinados por Joana Leite, baixo os títulos: -As vozes que guardam a lenda
-Á descoberta das Banjas en Santa Iria
-Bordar a ouro e prata no concelho de Gondomar
-Nossa Señora do Rosario
pola ampla mostra de propostas para dar a coñecer a historia, os saberes e técnicas merecentes de recoñecemento, e pola implicación do alumnado no estudo, interpretación e coñecemento do patrimonio cultural inmaterial da contorna.
CATEGORÍA BACHARELATO/ENSINO COMPLEMENTAR
1º Premio: ao conxunto de traballos elaborados polos alumnos de 1º de BAC do IES de Becerreá (Lugo), coordinados polos profesores Julio González Teixeiro e Alberto Valverde Otero, relacionados cos traballos comunitarios (matanza do porco), medicina tradicional, e contos de trasmisión oral, trascritos e identificados consonte aos tipos do catálogo tipolóxico internacional.
2º Premio: ao proxecto denominado “Lengalenga da raposa e do gato”, da Escola Secundária de Arouca, coordenao por Marcia Cristina Ferreira por amosar como se pode recrear e por en valor un texto literario tradicional, contribuindo así á súa trasmisión e coñecemento, e, ao tempo, a súa utilidade para o divertimento e o lecer dos máis novos.
CATEGORÍA UNIVERSIDADE/ENSINO UNIVERSITARIO
1º Premio: ao proxecto denominado “O Patrimonio Cultural Inmaterial da Baixa Limia. Concellos de Lobios e Entrimo”, da autoría de Carolina Borges Veloso, Universidade de Vigo, coordinado por X. Manuel Cid Fernández, pola correcta identificación dos Tesouros Humanos Vivos e a descricións de varias manifestacións culturais específicas como os bailes (Vira, Cana Verde, O Ese, Chula, Pasou pasou...), cántigas, oficios (o de carreteiro e as carretadas, carboeiro...) e a literatura oral, sinaladamente as fábulas ou contos de animais.
2º Premio: aos traballos denominados “Enterro do Joao” e “Sexta-Feira 13”, presentados por Diana Filipa da Cunha, do Instituto Superior de Egenheria do Porto e coordinados por Delminda Lopes, por amosar a perigo que ameaza a pervivencia de costumes, ritos e festas, neste caso dun drama paródico carnavalesco.
Mención: Aínda que nas categorías contempladas nas bases do concurso non se inclúe ninguna referida ao Ensino Especial, o Xurado considera de grande mérito a proposta achegada polo centro Cerciespinho, de Aveiro, coordinada por Fátima Milheiro, co título “Tapiçaria tradicional”, por amosar que a trasmisión de coñecementos e técnicas tradicionais pode ser útil na pedagoxía aplicada ás diferentes capacidades humanas.