O pacto, asinado baixo fortes presións de Estados Unidos, deixa en mans da cámara a restitución no poder do mandatario derrocado.
A crise de Honduras chega á súa fin no que suporía o primeiro golpe de Estado que se revirte en América do Sur. O presidente de facto, Roberto Micheletti, informou que autorizou ao seu equipo negociador a sinatura do acordo que facultaría ao Congreso Nacional a determinar se se restitúe ou non ao derrocado mandatario Manuel Zelaya.
O acordo, asinado baixo fortes presións de Estados Unidos, estabelece que sexan os congresistas quen decidan, logo de escoitaren as opinións técnicas da Corte Suprema de Xustiza, da Fiscalía Xeral e do Tribunal Supremo Electoral. Con todo, todo apunta a unha saída dialogada, logo de que Micheletti se comprometese, por vez primeira, a aceptar unha posíbel restitución de Zelaya.
O pacto contempla os seguintes puntos:
1.- Creación dun goberno de reconciliación
2.- Rexeitamento á amnistía política.
3.- Recoñecemento das eleccións presidenciais do 29 de novembro.
4.- Transferencia da autoridade sobre as Forzas Armadas ao Tribunal Supremo Electoral
5.- A creación dunha Comisión de Verificación para facer cumprir os puntos do acordo.
6.- A formación dunha Comisión da Verdade para investigar os sucesos antes, durante e despois do golpe do 28 de xuño.
7.- Solicitar á comunidade internacional a derrogación de todas as sancións contra Honduras e o envío de observadores ás eleccións presidenciais.
8.- Deixar en mans do Congreso, cunha previa opinión da Corte Suprema, a restitución de Manuel Zelaya na presidencia.