A dirección da sala que acollerá o concerto atribúe a "un intento de boicot" o comunicado no que, no seu nome, se anunciaba a cancelación da actuación.
"Un intento de boicot". Así cualificaron a sala de concertos e a promotora da actuación do cantante xamaicano Sizzla en Santiago de Compostela o comunicado que na tarde do xoves anunciaba a súa cancelación. Os medios de comunicación, entre eles Vieiros, fixémonos eco desta nota na que a Sala Capitol (Santiago de Compostela) anunciaba a suspensión do acto atendendo ás críticas por parte de colectivos de gais, lesbianas e transexuais do país.
Con todo, dende a organización, afirman que o concerto segue adiante. Lamentan que alguén crease unha dirección de correo electrónico facéndose pasar pola sala de concertos para anunciar a cancelación, cando esta non era certa. Aseguran que investigarán a autoría desta suplantación e aseguran que o concerto segue en pé e que se celebrará segundo o previsto.