Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Manifesto na rede pola continuidade do centro

Preocupación no sector da danza pola parálise no Centro Coreográfico

“Estase perdendo moito tempo: o CCG está sen funcionamento nin proxectos novos case desde marzo”, di Rut Balvís.

Redacción - 10:00 30/10/2009

A principios de setembro o Centro Coreográfico Galego (CCG) quedou sen cabeza visíbel. Á destitución da súa directora, Natalia Balseiro, seguiu o anuncio de que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convocaría un concurso para escoller un novo responsábel para o centro. A Agadic afirma que a convocatoria está a piques de ser publicada, pero o sector amósase preocupado pola parálise do CCG nos últimos meses e os seus efectos na actividade da danza no ano vindeiro.

“O CCG é unha institución que estaba a dar moita visibilidade á danza que se facía aquí, e agora temos medo de que se perda ese traballo de catro anos”, alerta Rut Balvís, presidenta de Danesga, a asociación que agrupa a boa parte dos profesionais da danza en Galiza. A bailarina e coreógrafa afirma que veñen mantendo conversas co director de Agadic desde antes incluso de que o Centro Coreográfico quedase sen directora, “preocupados polo que ía acontecer”. E se nun principio o sector afrontaba con tranquilidade o cambio, “agora estamos bastante molestos. Estanse alongando moito os prazos, e cada vez que imos á Agadic parece que cambian a dirección do que van facer”.

O concurso publicarase en novembro
Balvís lamenta o tempo perdido “porque o CCG está sen funcionamento e sen proxectos novos case desde marzo”. Daquela Natalia Balseiro fora ratificada no seu cargo ata final de ano, sabendo que non asumiría a dirección en 2010, a pesar do cal foi cesada catro meses antes do previsto. “O ano pasado a estas alturas xa se decidiran as coproducións do centro para o ano seguinte e estábanse presentando as propostas de residencias” explica a presidenta de Danesga, que lamenta que neste momento estea parado o programa de formación, que achegaba periodicamente creadores internacionais a Galiza.

A Axencia Galega das Industrias Culturais sinala que seguen a traballar na convocatoria pública para elixir novo director ou directora. A previsión é que se publique na web da Agadic e no DOG a principios do vindeiro mes de novembro, co que contan con que o concurso estea resolto antes de final de ano, e o 2010 poida comezar con nova dirección tanto no Centro Coreográfico como no Centro Dramático Galego. A axencia indicou tamén que o recorte que afectá á cultura no Orzamento da Xunta trasladarase na mesma medida ao diñeiro dedicado á danza.

O traballo debe continuar
A preocupación polo futuro do Centro Coreográfico vai máis aló dos lindes de Galiza. Un grupo de 42 profesionais do mundo da danza de Portugal e o Estado español veñen de publicar en internet o “Manifesto pola continuidade do CCG”. En seis días adheríronse outras 160 persoas e entidades a un manifesto que pide “continuidade no labor do Centro Coreográfico Galego para o fortalecemento das estruturas para a creación contemporánea en España”.

O certo é que os novos responsábeis da Consellaría de Cultura e Agadic non cuestionaron a continuidade do CCG. Para a nova etapa, Danesga puxo sobre a mesa unha serie de esixencias mínimas: “debe manterse o apoio ás compañías, a formación, as residencias, e tamén continuar o proceso de apertura de redes que nos liguen con outros centros de Europa”.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: