Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Irimia

Xestionado pola Asociación Irimia
RSS de Irimia
O Trasno

OPA hostil

O catolicismo Romano lanzou aí atrás algo así como unha OPA hostil contra a Igrexa anglicana, que vive días azarosos pola ousadía de querer saír das tebras dun pasado que, por máis que porfíen algúns, é distinto có presente.

Daniel López - 10:08 27/10/2009

Na bolsa, unha empresa que se sinte forte lanza unha OPA para adquirir un número de accións “significativo” doutra empresa debilitada, de maneira que lle permita decidir sobre esta última. A OPA é hostil cando se fai sen coñecemento da empresa “agredida”.

   O catolicismo Romano lanzou aí atrás algo así como unha OPA hostil contra a Igrexa anglicana, que vive días azarosos pola ousadía de querer saír das tebras dun pasado que, por máis que porfíen algúns, é distinto có presente. Desta maneira, por medio dunha “nota”, o Vaticano anticipa o que fará: dar acollida a anglicanos descontentos -din- coa “ruptura coa tradición” do anglicanismo. E agora non hai problema en dispensar do celibato aos sacerdotes anglicanos casados que se queiran cambiar de barrio.

   Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. A nota vaticana xustifica a operación, xa que esas “desviacións” teñen, seica, unha enorme gravidade, pois son cousas tales como: dar un trato institucional igualitario a homes e mulleres, permitindo a ordenación destas; revisar a secular concepción negativa e represora sobre a sexualidade; non privar de seren sacerdotes a aqueles que se senten homosexuais e así o recoñecen; nin privar da bendición de Deus ás parellas crentes do mesmo sexo. Vade retro, demasiado sexo xunto!. E, “excusatio non petita, vaticanio manifesta”, a nota di que, diante da avalancha de peticións de fieis e presbíteros anglicanos que escapan de tamañas desviacións, a Igrexa católica non podía deixalos sen resposta. 

  Anécdotas á parte, xogámonos cuestións de calado: cal é o papel da relixión nesta sociedade? Haberá xente, claro, que diante do desconcerto reinante sobre case todo, teña necesidade desa volta ao pastoreo autoritario, firme, por aquilo de que as rodas de muíño ben engulidas dan moita seguridade. Pero, fronte a ese regreso á furna, habería moito cristián do nososeñor que, abandonadas xa as pretensións dunha Igrexa fetén e ultraprofética, agradecería simplemente un espazo onde seguir sendo deste século, sen negar a súa tradición, sen renunciar a abrirse ao Misterio e podendo fundamentar a vida en categorías de amor e solidariedade, para o cal, a sabedoría do noso pai, das benaventuranzas e das paraboliñas do evanxeo, teñen moito que dicir.


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: