Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Memoria Histórica: Volta dos Nove

Baredo non esquece, o Concello quere que si

O goberno municipal de Baiona finalmente denegou o permiso para que fose colocada unha placa en lembranza dos nove veciños asasinados o 15 de outubro de 1936.

Redacción - 11:30 17/10/2009

Tal e como informábamos con anterioridade, este sábado ás 12.00 horas estaba prevista a colocación dunha placa en lembranza dos nove veciños do Val Miñor asasinados na xa coñecida como Volta dos Nove, en Baredo (Baiona).

Porén, o Instituto de Estudos Miñoranos (IEM) informa de que o Concello denegou o permiso para colgar esta inscrición conmemorativa. "A esta sinxela acción de lembranza e dignidade négase o actual goberno municipal", sinalan.

Tanto desde o IEM como desde a Comisión Volta dos Nove "agardan que o goberno Municipal reconsidere a súa actitude que non só incumpre claramente a Lei da Memoria Histórica senón que non podemos máis que considerala como unha evidente afronta aos familiares e as persoas que consideran un valor democrático o recoñecemento público das vítimas da sublevación militar fascista de xullo de 1936".

Apertura da foxa

A pasada primavera o IEM procedeu á apertura da foxa común onde foron soterrados estes nove veciños. Porén o resultado da escavación non foi satisfactorio e non apareceron os restos.

Naquel momento, de acordo cos familiares, decidiuse solicitar permiso para colocar unha placa, deseñada por Fernando Casás, cos seus nomes nese mesmo lugar, nun acto "sinxelo" previsto para este sábado ás 12.00 horas ademais dunha ofrenda floral.

Tamén desde a CNT, sindicato co que estaban relacionados varios dos asasinados, convocaron un acto ás 18.00 horas deste sábado fronte ao monumento aos nove de Baredo, situado na estrada de Baióna á Guarda, para “reivindicar aquilo que non morreu con aquela matanza: as súas ideas, as súas aspiracións sociais, o seu compromiso coa xustiza social”.


5/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: