Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Cantar da Auténtica

'Pobo, que esperas?, adiante co varal!'

A billarda estrea himno, con letra de Xabier Cordal, diante dos próximos enfrontamentos da selección galega con Asturies e Euskadi.

Redacción - 16:30 14/10/2009

Nace a Auténtica en campo liberado, / que pase a historia, que cuspa nas mans”, así comeza a letra de “Billarda Sempre”, o Cantar da Auténtica que o escritor Xabier Cordal preparou para a selección galega de billarda. Unha peza de alento épico, como todo himno que se prece, que podería xa soar no vindeira xira internacional de Galiza polas costas cantábricas: o 8 de novembro enfrontarase a Asturies en Avilés ou Xixón, e o 14 do mesmo mes unha delegación galega participará en Pasaia no primeiro aberto de txirikila-billarda en terras vascas.

Os músicos enrolados na Liga Nacional de Billarda traballan xa en dotar de música o cantar. Xunto a unha versión coral, é probábel que o himno se rexistre tamén en clave de rock e de jazz. Polo de agora, só está dispoñíbel unha versión lo-fi para que poidan practicar os máis de 250 palanadores e palanadoras que participan esta tempada nas catro conferencias da LNB: Norleste, Noroeste, Sur e Centro.



Billarda Sempre (Cantar da Auténtica)
por Xabier Cordal

Nace a Auténtica en campo liberado,
que pase a historia, que cuspa nas mans.
Soñouno Calvete, o resto han contalo
os bares do abrente, de Foz a Cabral:
forza estornela, adiante co varal!

Palán ergueito, no brazo unha estrela,
a nave de buxo rebenta a mañá;
fura o nordeste cun seco varado,
dálle na frente ao Imperio do Mal,
pobo, que esperas?, adiante co varal!

Cargai no carro un mundo de xente,
vinde dos Mallos, de Ourense e Goián,
e pra quen pense que estaba acabado
o xogo na Terra, rexurde e berra:
billarda sempre, adiante co varal!
billarda sempre, adiante co varal!


4,38/5 (21 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: