Serversniff incorporou unha aplicación que determina se un determinado enderezo forma parte das listaxes de contrasinais filtradas na rede.
Nos últimos días filtráronse na internet miles de enderezos de correo electrónico cos seus respectivos contrasinais. Púidose saber que eses datos foron obtidos a través de software malicioso instalado nos computadores das persoas afectadas. Agora, a web Serversniff.net permítenos saber se a nosa conta foi afectada, para que tomemos a medida básica de cambiar a clave de acceso.
Segundo informa Vilaweb, unha das aplicacións incluídas no portal, destinado a ofrecer utilidades relacionadas coa seguridade informática, ofrécenos a posibilidade de detectar se un enderezo se viu comprometido. Para iso, abonda con introducir o nome de usuario (o que vai antes da @), sen ningunha outra información e premer "check". Aparecerá unha mensaxe que nos dirá se hai algunha conta con ese nome que se vira afectada.