Política Lingüística anuncia que a convocatoria de subvencións sairá a comezos de ano e manterá "en liñas xerais" os mesmos criterios que no curso anterior.
A Consellaría de Educación anuncia que "dará continuidade á convocatoria de axudas aos centros de ensino para a realización de proxectos que fomenten o uso do galego no ámbito educativo". Sae ao paso así das denuncias de diferentes colectivos, entre eles os equipos de normalización dos centros, a CIG-Ensino ou o BNG, nas que alertaban que este atraso está a prexudicar seriamente o desenvolvemento das actividades de sensibilización, dinamización e capacitación lingüística nos centros educativos.
Segundo a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a convocatoria de subvencións para o presente curso sairá a comezos do vindeiro ano e "manterá, en liñas xerais, os mesmos criterios de elaboración e avaliación de proxectos que no curso anterior".
Maior visibilidade para as equipas de normalización
Doutra banda, a Consellaría subliña que "por vez primeira lles ofreceu información aos centros para facilitarlles a elaboración das súas actividades dinamizadoras". Refírese a posta en marcha no pasado mes de xuño dunha páxina web, na que se difunden as experiencias dinamizadoras que desenvolven os equipos de normalización (ENDL) e na que os centros poden compartir recursos, ferramentas e información.
Entende que neste camiño se consegue unha "maior visibilidade" do labor destas equipas e adianta que a iniciativa "foi moi ben acollida", en consonancia co número de visitas que superou o portal de internet nete tempo (18 mil).