Profesionais e voluntarios participarán a vindeira fin de semana nunha xornada de traballo para frear o deterioro dos fondos mariños da dársena ferrolá.
En anos anteriores, limparon nos portos de Ribeira, Camariñas e A Coruña
Neumáticos, cabos, latas, botellas de cristal... e obxectos moito máis insólitos é que acostuman a atopar os voluntarios que, cada ano, traballan na limpeza do fondo mariño das nosas rías. Desta volta, a convocatoria está fixada para o vindeiro sábado 17 de outubro no porto de Ferrol. A Asociación de Armadores de Artes de pesca Menores de Galiza (Asoar-Armega), coa colaboración do Centro Nacional do Medio Ambiente (Cenma), chaman a participar a todos os interesados en contribuír á retirada de lixo da dársena do peirao ferrolán.
Traballo no mar e en terra
A participación nesta actividade ten dous vieiros. O primeiro é o de colaborar como mergullador, participando na inmersión colectiva para localizar lixo afundido e subilo até a superficie. Neste caso é imprescindíbel contar coa correspondente titulación de mergullo e levar equipo completo e seguro de mergullo. A continuación, a flota de barcos de apoio, formada por embarcacións de pesca e da administración, entran na zona de limpeza, localizan as boias que sinalan a posición dos refugallos e lévanos para o porto.
A outra vía de colaboración é a do persoal de apoio en terra, axudando nas tarefas da retirada do lixo, na súa separación e na reciclaxe. Asemade, realízanse habitualmente tarefas de recuperación dos diferentes organismos atopados entre o lixo, manténdoos temporalmente nuns acuarios para a divulgación e, posteriormente, devólvense ao mar.