Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Primeira fusión interrexional

Caja Navarra e CajaCanarias, o modelo de fusión que se debuxaba para Caixa Galicia, CAM e Caja Madrid?

As dúas entidades acordan unha fusión "virtual" baixo a que manterán marca e personalidade xurídica.

Redacción - 11:00 08/10/2009

Caja Navarra e Caja Canarias anunciaron que o Banco de España xa lles outorgou a beizón previa ao seu proceso de fusión. Ao tempo, aseguran desde as dúas entidades que non necesitarán botar man do Fondo de Reestruturación Bancaria. Cos números actuais, esta primeira fusión interrrexional converte a entidade resultante na sexta no ránking estatal en canto a beneficios, cunha suma de 127 millóns de euros neste apartado durante o primeiro semestre do ano.

Segundo o nivel de activos, ocuparán o noveno posto, cun balance de 32 mil millóns de euros. Con todo, durante a sinatura do acordo este mércores, os máximos responsábeis de cada unha das caixas admitiron deixar a porta aberta "á suma doutras entidades", un paso adicional que lles podería permitir o mínimo de 50 mil millóns en activos que o Banco de España recomendaba para estes procesos. Na prensa económica aparecen os nomes de Caja Cantabria ou Cajastur como posíbeis candidatos.

Orixinaria de Santa Cruz de Tenerife, Caja Canarias ten a súa rede fundamentalmente nas Illas Canarias. No caso de Caja Navarra, conta con presenza significativa fóra de Nafarroa en Euskadi e Aragón. Na práctica, manterán personalidade xurídica e marca, promovendo unha sociedade conxunta de plena capacidade financeira que agrupará entre outros os negocios para grandes empresas, fondos de pensións e seguros. Tamén xuntarán a rede de oficinas fóra do entorno inmediato, un cento delas. Neste caso concreto si existirá unha nova marca, e quedará vencellada á iniciativa de banca cívica despregada exitosamente desde hai cinco anos por Caja Navarra.

Modelo a estudar en futuras fusións
O paso dado por estas dúas entidades será seguido con lupa polo resto. En todo o Estado, os movementos son numerosos e o propio modelo de fusión virtual xa inspirara no seu momento no interior de Castela e León o intento de proceso de fusión parcial, fracasado polo de agora, ensaiado polas caixas desa comunidade autónoma. Un modelo que analizaba o goberno andaluz para promover a coordinación entre as caixas daquela zona.

No caso galego, tal sistema sería un dos posíbeis para a hipotética fagocitación de Caixa Galicia por parte de Caja Madrid nun proceso que incluiría tamén a CAM valenciana. Con todo, despois da lea política axitada ao desvelarse esa posibilidade, aceleran os pasos para un potencial encontro de Caixa Galicia e Caixanova que as blinde contra eses chamados procesos de fusión interrexional.

Mentres segue o silencio do executivo, a última voz pública que realizou en Galiza achegas ao respecto deste debate é a da Federación de Servizos Financeiros e Administrativos de Comisións Obreiras, desde onde consideran "asumíbel" a fusión. Segundo a análise de CCOO, os postos de traballo a suprimir logo dunha fusión das caixas galegas serían menos da metade dos 1.500 dos que se ten falado. Deste xeito, entenden que a activación dun plan de prexubilacións podería facilitar o proceso.


4,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: