Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Dous casos pendentes

A cabeza de Berlusconi volve á picota

A perda da súa inmunidade, confirmada esta cuarta feira pola Corte Constitucional, pono de novo en graves problemas xudiciais.

Redacción - 10:45 08/10/2009
Berlusconi, esta cuarta feira

Berlusconi, esta cuarta feira

O magnate das comunicacións e primeiro ministro de Italia, Silvio Berlusconi, viuse implicado en numerosos enredos xudiciais desde que iniciou a súa carreira política en 1993 e, aínda que nunca foi condenado de xeito definitivo, deberá afrontar de novo varios xuízos.

Propietario dun verdadeiro imperio industrial que inclúe, entre outras empresas, tres importantes canles de televisión, un diario, un semanario, a maior editorial do país e unha sociedade de publicidade, Berlusconi deberá ser xulgado por dous casos pendentes logo de perder a inmunidade que lle garantía unha lei adoptada en 2008. Porén, esta cuarta feira foi considerada inconstitucional polos 15 xuíces da Corte Constitucional.

O maior problema xudicial que axexa o mandatario italiano é a acusación de corrupción do avogado británico David Mills, condenado á súa vez a catro anos e medio de prisión por dar falso testemuño a cambio de diñeiro. Mills foi acusado de recibir 600 mil dólares de Berlusconi por testificar ao seu favor en dúas causas abertas en 1997 e 1998.

Será aberto igualmente o proceso pendente por fraude fiscal e falsa contabilidade pola adquisición dos dereitos televisivos de Mediaset. A isto hai que sumar a condena do tribunal de Milán o sábado pasado á firma Fininvest, propiedade de Berlusconi, a pagar unha millonaria indemnización de 750 millóns de euros a Carlo de Benedetti pola compra ilegal da editorial Mondadori.

Obrigado a renunciar en 1994
Os problemas xudiciais de Berlusconi comezaron en 1993, cando decidiu entrar en política e chegou a ser nomeado xefe de Goberno. O tribunal de Milán acusouno de corrupción, unha acusación que terminou por obrigalo a renunciar ao cargo sete meses logo da súa chegada ao poder, en 1994.

Ao regresar ao poder no 2001, o seu goberno propuxo numerosas leis para protexelo da xustiza, denunciou a oposición de esquerda, e chegou a aprobar no Parlamento a concesión da inmunidade para os cinco maiores altos cargos do Estado mentres permanezan neles, agora anulada.

Ademais das leas xudiciais, Berlusconi protagonizou recentemente unha serie de escándalos sexuais desde que a súa esposa, Veronica Lario, pediu en maio pasado o divorcio indignada pola súa vida disipada e as súas festas con prostitutas de luxo. Tamén mantén unha guerra aberta contra a prensa, polo que foi acusado ante o Parlamento Europeo de violar a liberdade de prensa.


5/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: