Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Día Mundial do Profesorado

Investimento no ensino público é garantía de futuro

Os plans de recuperación económica deberían incluír un aumento dos investimentos no ensino público, subliña a Internacional da Educación.

Redacción - 14:00 05/10/2009

"O dereito á educación de toda unha xeración foi posto en perigo por aquelas persoas cuxa avaricia e irresponsabilidade orixinaron a crise", expón con motivo do Día Mundial do Profesorado o secretario xeral da Internacional da Educación (IE), Fred van Leeuwen.

"Como docentes e sindicalistas é a nosa misión facer todo o posíbel por evitar que se vexan ameazadas as súas oportunidades de aprendizaxe", engade o voceiro desta plataforma que agrupa 401 organizacións e cerca de 30 millóns de docentes en todo o mundo. "Os gobernos deben comprometerse a introducir as políticas e achegar os fondos necesarios para resolver a escaseza de docentes no mundo", reclama o colectivo.

"Non pode ser que baixo a escusa da crise económica se adopten medidas que degradan o ensino", advirten en Galiza desde a CIG-Ensino, unha das formacións fundadoras da IE. Sinalan desde a CIG ao fío asuntos de actualidade no país como é o caso da eliminación da gratuidade dos libros de texto, o incumprimento do acordo sobre os cadros de persoal nos centros ou a supresión de subvencións para actividades formativas aos movementos de renovación pedagóxica. "Pola contra, esta crise económica semella non existir á hora de gastar en propaganda que só busca agochar o retroceso que supón a política do PP no eido educativo", reprochan.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: