As entidades elevaron un 7,9% as comisións que cobran os clientes polas tarxetas de débito e un 6,5% polas de crédito.
As comisións que as entidades bancarias cobran por tarxeta medraron considerabelmente no último ano
As caixas e os bancos non están dispostos a perder negocio nin tan sequera en tempos de crise. Como corresponde a este contexto económico adverso, as entidades percibiron un importante descenso da demanda de créditos, o que, xunto coa baixada dos tipos de interese, está a limitar a súa marxe de beneficios. Así que unha das solucións pasa por aumentar as comisións por servizos, nomeadamente, as das tarxetas e as contas bancarias.
Así se deprende dun informe elaborado polo Banco de España. As entidades incrementaron un 7,9% no que vai de ano as comisións que cobran os seus clientes polas tarxetas de débito, até situar o seu importe en 16,6 euros anuais. No caso das tarxetas de crédito, o incremento foi dun 6,5%, o que sitúa o seu custe en 33,3 euros ao ano.
Así, o importe que pagan os usuarios de media ao ano dende o pasado mes de setembro polo mantemento destas tarxetas é o máis elevado dende hai catro anos (entón as comisións elevábanse a 10,6 euros no caso de débito e 22,4 euros nas de crédito).
Contas de aforro
Ademais, o mantemento das contas correntes e de aforro tamén experimentou un considerábel incremento de prezo. En setembro o custe subiu un 6,3% (até 21 euros no caso das contas correntes e 20,4 no caso das de aforro) e no que levamos de ano un 7,6%.
Mais o encarecemento das comisións non remata aquí. Os apuntes en conta subiron un 12,9% en ternos interanuais; os cargos por ingreso de cheques incrementáronse nun 15,4%; ou a disposición de cartos dun caixeiro da propia rede, un 7% se a tarxeta é de débito e un 4,8% se é de crédito.