As universidades seleccionadas recibirán financiamento do Ministerio de Educación para prepararse para unha segunda fase.
O Ministerio de Educación elixiu as 15 universidades do Estado merecedoras do recoñecemento de Campus de Excelencia Internacional, entre estas a USC polo seu proxecto 'Campus Vida'. As seleccionadas recibirán un financiamento adicional deste departamento para elaborar un plan director completo e preparar a súa defensa ante unha comisión internacional de expertos.
Ao Programa Campus de Excelencia presentáronse 42 das 50 (84%) universidades públicas, e 8 das 27 universidades privadas estatais. Valorouse a mellora docente e científica, a xestión da transferencia e a innovación ou a interacción entre o campus e o seu entorno local e territorial.
En novembro unha comisión internacional de expertos decidirá que proxectos reciben un financiamento adicional para ser levados a cabo durante o período 2009-2012.
O Ministerio resolveu así a primeira fase desta convocatoria, e financiará con 53 millóns de euros un total de 28 proxectos estratéxicos liderados por outras tantas universidades que optarán a situarse, no horizonte de 2015, entre as mellores de Europa e promover así o seu recoñecemento internacional.
O programa Campus de Excelencia Internacional, segundo os datos facilitados esta quinta feira polo Ministerio de Educación, conta cun orzamento de 150 millóns de euros en préstamos que se concederán ás comunidades autónomas das universidades que resulten seleccionadas nesta segunda fase.
Para participar na convocatoria, as universidades tiveron que presentar un proxecto de Plan Estratéxico coa descrición da viabilidade, plan de acción a seguir polos campus e unha memoria económica co fin de conseguir unha mellora que os sitúe entre os máis exixentes estándares de excelencia e calidade, e de internacionalización en varios ámbitos.
Os outros 14 centros seleccionados son a Universidade de Córdoba, a de Granada e a de Sevilla, en Andalucía; a de Cantabria; a Rovira i Virgili, a de Barcelona, a Autónoma e a Pompeu Fabra, en Cataluña; a Complutense, a Politécnica, a Autónoma e a Carlos III, en Madrid; e as de Valencia e Oviedo.
Campus Vida da USC
Campus Vida, considerado un dos mellores proxectos, foi concibido para dar resposta ás novas necesidades na formación, a transmisión e a transferencia do coñecemento á sociedade. Segundo manifestou o reitor compostelán, Senén Barro, nun encontro cos medios de comunicación "nunca antes se concibira, planificara e concretara un proxecto tan importante para integrar definitivamente Galiza entre as sociedades baseadas no coñecemento, transmitindo o orgullo de toda a comunidade universitaria, dos campus de Lugo e Compostela, por situar Galiza na elite da educación superior e da investigación".