Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
'Homenatge a Catalunya'

"En Aríns como en Arenys"

Falamos con 'Jenaro Jesús Marinhas', voceiro de 'Sei o que nos figestes...', organizadores dun referendo con gran repercusión na prensa catalá.

Redacción - 14:00 01/10/2009

Deseja que Galiza continue a ser
[] UMHA COLÓNIA COMO NOS ÚLTIMOS 525 ANOS
ou, polo contrário, quere que apartir de agora seja
[] ALGO COMPLETAMENTE DIFERENTE?


A pregunta anterior terá resposta este sábado, logo do reconto de votos do referendo organizado na parroquia de San Martiño de Aríns (Compostela) pola plataforma 'Sei o que nos figestes... nos últimos 525 anos'.

A consulta, publicada no seu órgano de comunicación, a web www.seioque.com, tivo unha gran repercusión estes dous últimos días na prensa catalá, e algo menor na galega. Con esta iniciativa pretenden render homenaxe ao pobo catalán pola consulta realizada na vila de Arenys o mes pasado.

'Jenaro Jesús Marinhas', un dos voceiros da plataforma que usa "o humor, a parodia, a substitución simbólica e o surrealismo político" como "castelo roqueiro fronte ao pequeno-imperialismo español", agarda que deste acto "cultural, social e lúdico" saia un resultado "moi favorábel a que Galiza sexa outra cousa completamente diferente".

Ao respecto da difusión nos medios cataláns, 'Marinhas' asegura que o "esperaban". Sorpréndelles máis, afirma, que fosen tan poucos os xornais do noso país os que recollesen a información, aínda que agardan que esta situación mude de aquí ao sábado, cando se produza a votación, "totalmente respectuosa coa legalidade".

A xornada, que se desenvolverá no Local Social Teleclube de Aríns e rematará no Centro Social O Pichel de Compostela cunha festa, comezará ás 18.00 horas ("hora pequeno imperial, menos umha hora na Galiza") cunha palestra/debate que leva por título A apaixonante estratégia das consultas populares, a cargo do catedrático de Estrutura Económica da USC, Ramom Lopez-Suevos.

Posteriormente, chegados dos Països Catalans, intervirán os Fills del Dr. Cat, unha outra plataforma anticolonial xa veterana, que ademais participou como observadora no referendo de Arenys de Munt.

Dúas urnas e voto por correo

A seguir, chegará o acto central, a consulta, que tal e como avanza 'Marinhas' contará con dúas urnas: unha para maiores de 18 anos e outra para os menores, porque "as crianzas son o futuro e tamén teñen dereito a decidir" sobre o status da Galiza.

Mais non serán só os residentes en Aríns os que poidan dar a súa opinión. 'Sei o que nos figestes...' encargouse de que toda a cidadanía que así o desexe poida valorar que futuro quere para o país, facilitando un enderezo electrónico onde votar por correo.

Iso si, deberá identificarse mediante unha copia de calquera "documento acreditativo da sua identidade galega", entre outros o "Passaporte da Galiza" ou o "cartom de sóci@ do Xabarín Club", e en xeral, calquera que non sexa "o D.N.I. pequeno-imperial".


Ligazóns

4,67/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: