Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
De cara á edición do 2010

Unha fundación encargarase de organizar o Culturgal

As asociacións dos sectores culturais queren que sexa a sociedade civil a que lidere a organización da feira nos vindeiros anos.

Moisés Álvarez - 11:00 01/10/2009

A Asociación Galega de Editores (AGE) víñao reclamando desde hai tempo: Culturgal, a Feira Galega das Industrias Culturais, debería ser organizada por unha fundación que aglutinase aos sectores e ás administracións implicadas. Esta semana déronse os primeiros pasos cunha xuntanza na que participaron asociacións do libro, a música e o audiovisual, da que saíu o acordo para impulsar a creación da Fundación Culturgal.

A reunión celebrouse o martes 29 de setembro coa presencia de asociacións do audiovisual (Agapi e AEGA), da música (Agaphono), e do libro (AGE e AELG), co apoio de entidades doutros sectores que non estiveron presentes, como Eganet e Escena Galega. Na reunión acordouse iniciar os trámites para constituír a Fundación Culturgal, solicitando un estudo organizativo e de viabilidade. Está previsto que ao longo de novembro haxa unha segunda xuntanza para abordar o borrador dos estatutos.

Fran Alonso, vicepresidente de AGE, explica que “imos ofrecerlle ás administración que participen na fundación, porque cremos que se deben implicar nunha iniciativa como esta”. En calquera caso, consideran que é a sociedade civil a que debe liderar a organización do Culturgal. Alonso confirmou que o obxectivo é que esa fundación organice a feira cultural do 2010, porque os prazos fan “absolutamente imposible” levar adiante a feira este ano.

Apoios desde internet
As entidades reunidas para crear a nova fundación agradeceron as mostras de apoio que o Culturgal recibiu estes meses, especialmente a través de internet. A plataforma “Queremos Culturgal” reuniu ao longo do último mes o apoio de 162 voluntarios que ofreceron case 1.400 horas de traballo para levar adiante a feira. Fran Alonso valora moi positivamente esta iniciativa, pero considera necesario diferenciar “un movemento de reinvindicación cultural” dunha fundación formada polas industrias da cultura que o que queren é “visibilizar a nosa produción”.


Ligazóns

5/5 (8 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: