O dominio .yu, que aínda ostentan catro mil webs, deixará de funcionar ao remate de setembro, despois da desaparición da república federal.
A desaparición definitiva de Iugoslavia comeza este mércores. As webs que aínda empregan dominios .yu deixarán de estar dispoñíbeis a partir do 30 de setembro. A Icann xa retirara esa extensión da súa listaxe de dominios no ano 2006, pero deixara un período de graza para a transición aos nomes .rs, de Serbia, e .me, de Montenegro.
Porén, calcúlase que aínda quedan arredor de catro mil webs que manteñen a denominación antiga, e que deixarán de funcionar coa entrada do mes de outubro. A antiga República de Iugoslavia, despois da escisión da meirande parte dos países que a integraban, pasou a denominarse oficialmente Serbia e Montenegro no ano 2003, e desapareceu definitivamente coa independencia montenegrina, en 2006, polo que o dominio xa non tiña sentido.
O .yu creouse no ano 1989, e daquela asignóuselle á República Federal Socialista de Iugoslavia. Co comezo da guerra dos Balcáns, o dominio foi nun primeiro momento controlado por Eslovenia, pero acabou recaendo, no ano 1994, na nova, e reducida, República Federal de Iugoslavia. Dende ese momento, o rexistro dos dominios .yu estaba a cargo da Universidade de Belgrado.