A taxa española de inflación harmonizada rexistra no mes de setembro o seu sétimo descenso consecutivo e sitúase no -1%.
A caída de prezos continúa imparábel mes tras mes. Así o reflicten as últimas cifras dadas a coñecer polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Segundo estes datos, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado no Estado Español situou a súa taxa interanual no -1% en setembro, o que suporá unha diminución de dúas décimas sobre o pasado mes de agosto.
Esta estatística, medida igual en todos os países da zona euro, rexistra a súa sétima caída consecutiva, logo de que o indicador entrase en negativo no pasado mes de marzo. Esta taxa acostuma a coincidir coa do IPC xeral, un dato que coñeceremos exactamente o vindeiro 14 de outubro.Coñeceremos entón a cifra correspondente ao comportamento dos prezos en Galiza.
O prezo do petróleo é a principal variábel que ocasiona esta nova caída: hai doce meses o barril de Brent custaba 70,19 euros fronte aos 46,84 de setembro deste ano.