Na competición feminina, as xogadoras do Celta Idepo foron as gañadoras logo de vencer o Pio XII na final.
Nun partido intenso e moi competido, o cadro lugués do Breogán fíxose co título de campión da Copa Galicia fronte ao compostelán Xacobeo Blu:sens (63-57). Unha maior intensidade en defensa e o acerto en ataque, sobre todo no primeiro cuarto, fixo que o equipo de Rubén Domínguez se fixese acredor do campionato por décimo primeira vez.
O primeiro cuarto dominouno con claridade o conxunto de Lugo, que chegou ao minuto 10 cunha vantaxe de sete puntos. Xa no segundo período, os composteláns amosaron unha destacábel intensidade defensiva, o que fixo que se igualase o marcador. No terceiro cuarto tomaron protagonismo as defensas e as porcentaxes de tiro foron moi baixas, tanto que entre os dous conxuntos só marcaron 17 puntos. Ao remate, gañaba o Breogán por 44-43 e deixaba o título por decidir para o último cuarto. Aí foi onde os lugueses se amosaron intratábeis en todos os aspectos do xogo. O cadro de Curro Segura non puido facer nada para evitar unha desvantaxe que aumentaba por minutos: ao remate do encontro seis puntos marcaron a diferencia entre ambos conxuntos e sentenciaban un título que, unha vez máis, marcharía para terras luguesas.
Velaquí as estatísticas:
CB Breogán: Jeff Adrien (10), Vallmajo (9), Rom (6), Pina (4), Jeffrey Xavier (19) -quinteto inicial- Colem (7), Lamar Halma (0), Corbacho (5) e Balmon (3).
Xacobeo Blu:sens: Vasileiadis (5), Djedovic (7), Pasalic (14), Stanic (0), Terry (19) -quinteto inicial- Aguilar (2), Bulfoni (2), Manzano (4), Higgins (2) e Alfonso Sánchez (2).
Parciais: 26-19, 9-16, 9-8 y 19-14.
En feminino, o título foi para Vigo
No caso da competición feminina, foi o Celta Indepo quen se converteu no campión da Copa Galicia, logo de vencer na final do torneo ao Pio XII. O cadro de Miguel Méndez completou un bo partido e resolveron o encontro ante as combativas xogadoras capitaneadas por Mozan. Malia ser as favoritas, as xogadoras viguesas tiveron que esforzarse abondo para levarse o partido e tardaron en sentenciar. Así, aproveitaron o seu tiro exterior e o acerto e veteranía de Pilar Valero para facerse definitivamente co título de campionas.
Velaquí as estatísticas:
Celta Indepo: Sara Gómez (14), Egle (15), Noemi (3), Iva (17), Pina (8) -cinco inicial-, Delgado (3), Valero (13), Dragana (2) e Olga.
Pío XII: Laura Grande (4), Sofía Ramalho (14), Ana Román (15), Baundu (14), Itziar (8) -cinco inicial-, Carolina Díaz (5) e Nadia (7).
Parciais: 23-17, 14-19, 20-8 y 18-23.