Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Gañadora absoluta

Galiza domina o Campionato de España sub21 de taekwondo con 15 medallas

Obtivo oito ouros, dúas pratas e cinco bronces, que lle valeron para liderar a clasificación masculina e ser segundo na feminina.

Redacción - 11:00 28/09/2009

Galiza volveu demostrar o seu gran potencial en taekwondo. No Campionato de España sub21 que se celebrou esta fin de semana en Ribeira, o equipo galego dominou o torneo levándose ao pescozo un total de 15 medallas: oito de ouro, dúas de prata e cinco de bronce. Con estes resultados, Galiza liderou a clasificación masculina e foi segunda na feminina, converténdose no mellor equipo do campionato.

O polideportivo municipal da Fieiteira encheuse para ver a evolución dos taekwondistas galegos. Chegaron a oito finais, e non fallaron en ningunha delas: as dúas pratas conseguíronse en finais nas que os dous contendentes eran galegos.

En minimosca, Pablo Carou acadou o ouro, mentres que na categoría feminina Laura Lorenzo foi bronce. Francisco Padín foi bronce tamén no peso mosca masculino. No peso galo masculino, Galiza conseguiu tres medallas:Borja Ríos (ouro), Manuel Barros (prata) e Daniel Mallo (bronce). No galo femenino, Katia Calvar acadou un bronce.

No peso pluma, os dous ouros foron para taekwondistas galegos: Lara Oubiña e José Fernández Rey. Tamén houbo dominio no peso lixeiro, con ouro para Sabela Lonja e Raul Bouzas, e bronce para Jorge Chorén. José Antonio Andrade proclamouse campión de España de superlixeiro masculino, e Cora González fixo o mesmo no peso medio femenino.

Os deportistas galegos amosaron en Ribeira as súas credenciais de cara ao primeiro Campionato de Europa sub21, que se celebrará do 6 ao 8 de novembro en Vigo.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: