Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Sábado e domingo

Festa do baloncesto no Porriño arredor da Fase Final da Copa Galicia

O Breogán de Lugo, o Beirasar Rosalía e o Xacobeo Blue:Sens Obradoiro de Compostela e o Básquet Coruña pugnarán polo trofeo.

Redacción - 18:30 23/09/2009
Presentación, esta cuarta feira

Presentación, esta cuarta feira

O Club Porriño Baloncesto Base presentou esta cuarta feira a Fase Final da XXIV Copa Galicia Sénior Masculina, que reunirá na localidade os mellores equipos do baloncesto nacional.

O C.B. Breogán (LEB Ouro) de Lugo e o Beirasar Rosalía (LEB Prata) de Compostela, primeiro e segundo na fase previa da competición, serán os protagonistas da primeira semifinal, o sábado a partir das 18.30 horas.

Dúas horas despois, o Básquet Coruña (LEB Prata), terceiro, enfrontarase ao compostelán Xacobeo Blu:sens Obradoiro, que este ano se estrea na ACB, clasificado directamente para semifinais.

Na xornada seguinte, o domingo, a final que dilucidará o campión disputarase a partir das 19.00 horas. O Complexo Deportivo Municipal do Porriño será o escenario de todos os partidos, con entrada de balde.

Baloncesto de base

A axenda de encontros completarase cunha serie de eventos que se realizarán de xeito paralelo á competición oficial.

O Porriño Baloncesto Base (club organizador), o C.B. Baiona, o Seis do Nadal e o Salesianos, de categorías alevín masculino e feminino, competirán no Torneo Minibasket Copa Galicia, o domingo pola tarde.

Durante todo o día do sábado, os equipos de categoría infantil, masculina e feminina, dos equipos representativos de cada un dos clubs que disputan a fase final na categoría sénior ou ben da súa cidade de procedencia, participan na Mini Copa Galicia.

Ademais, durante toda a fin de semana, o Porriño Baloncesto Base realizará un Torneo 3x3, de carácter lúdico, ofertado a todos os integrantes do club e a todo o público en xeral.

I Clínic Porriño Baloncesto Base
Os adestradores tamén terán o seu espazo. Será o domingo pola mañá, cando se imparta o I Clínic Porriño Baloncesto Base, que contará coa presenza de Manolo Póvea (adestrador do Gestiberica), Curro Segura (adestrador do Xacobeo Blue:Sens) e Carlos Colinas (director técnico do Celta de Vigo).

O curso pódese validar por tres horas de formación continua para os que teñan os cursos da Escola Galega de Adestradores nos anos 2008 e 2009 (nivel 1, nivel 2 e Superior).


Ligazóns

5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: