"Eles están coas armas e nós coa vontade, co corazón aberto para buscar solucións", afirma Zelaya.
A Policía rodea o edificio / Telesur
O presidente constitucional de Honduras, Manuel Zelaya, que este luns conseguiu regresar ao país e que permanece refuxiado na embaixada de Brasil en Tegucigalpa pediulle "á comunidade nacional, aos empresarios, aos campesiños que veñan co fin de obrigar á ditadura a que entre en diálogo para solucionar os problemas do país".
"Eles están coas armas e nós coa vontade, co corazón aberto para buscar solucións", afirmou nunha reportaxe telefónica coa cadea de televisión multinacional TeleSur. Neste senso, exixiulles ás Forzas Armadas e á Policía "que deixen de reprimir o pobo".
A policía hondureña cargou este martes pola mañá contra os centos de persoas reunidas arredor da embaixada brasileira para apoiar o Zelaya. "É posíbel a reconstrución da democracia e a integración nacional", dixo e reiterou a súa petición aos militares para que "non se presten ao xogo dos ditadores". "Non lle poden desexar ao pobo hondureño sangue e violencia", salientou.
O xefe policial Orlin Cerrato, a cargo da seguridade na capital hondureña, advertiu á poboación "que fique nas súas casas e acate a restrición na circulación, prohibida por seguridade nacional". "Recomendamos que non se acheguen á capital, porque serán detidos. As persoas teñen que cumprir o estabelecido pola lei", asegurou en declaracións á emisora local Canal 11.