Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MOSQUERA REMATA 5º DA CLASIFICACIÓN XERAL

O Xacobeo coróase en Madrid como o mellor equipo da Vuelta

O equipo que dirixe Álvaro Pino gañou a clasificación por equipos e sumou a súa segunda vitoria de etapa na rolda grazas a Gustavo Veloso.

Pablo García Martínez - 19:40 20/09/2009

A 64ª edición da Vuelta rematou co Xacobeo gañando a clasificación por equipos e Alejandro Valverde facendo o propio nunha clasificación xeral en que Ezequiel Mosquera finalizou quinto. Foron tres semanas nas que o cadro de Álvaro Pino foi duramente castigado polas caídas, mais aínda así fixo un bo papel, e acadou a súa segunda vitoria de etapa ao ser Gustavo César Veloso o primeiro en cruzar a meta na etapa que rematou no alto de Xorret de Catí.

A carreira comezou mal para un Xacobeo que chegaba con Mosquera disposto a loitar polas primeiras posicións da xeral, despois de rematar quinto na edición de 2007 e cuarto en 2008. Pero o de Teo viuse implicado nunha caída masiva acontecida durante a cuarta etapa sufrindo danos no nocello que non lle impediron continuar na estrada malia a forte inflamación da articulación. En sucesivas tiradas Gonzalo Rabuñal sufriría un corte que precisou once puntos de sutura, Serafín Martínez tamén foi ao chan sen consecuencias e o propio Mosquera volveu caer levando un golpe na cabeza que, segundo el mesmo confesou, case lle obriga a deixar a carreira.

Gran papel do grupo
A Vuelta 2009 remata co Xacobeo ofrecendo  unha imaxe de solidez que demostra o feito de que Gustavo César Veloso (cuarto) e David Herrero (oitavo) conseguiran entrar dentro dos 10 primeiros da clasificación xeral na última contrarreloxo. Esta foi unha constante durante toda a carreira na que o Xacobeo estivo moi activo pero falto de sorte e isto pódese apreciar se reparamos en que, alén da vitoria de Veloso, os corredores do equipo de Álvaro Pino remataron 12 veces as etapas entre os 10 primeiros clasificados, con tres segundas posicións acadadas por David García, Mosquera e Herrero.

En conclusión, o equipo galego de ciclismo profesional pecha a súa terceira tempada subindo un novo chanzo no seu proceso de evolución existencial, virándose de costas a unha sorte que lle quixo ser esquiva. A Vuelta serve para exemplificar o acontecido durante un ano en que, por poñer un defecto ao decorrer do conxunto, faltou que os máis novos foran aumentando o seu protagonismo mais vendo que os veteranos van como disparos semella que aínda van ter tempo para ir medrando dentro do grupo.


5/5 (15 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A fortuna non estivo durante esta volta do lado de Mosquera, pero o bravo ciclista de Teo dou a batalla igualmente
A fortuna non estivo durante esta volta do lado de Mosquera, pero o bravo ciclista de Teo dou a batalla igualmente
O Xacobeo subiuse ao podio de Madrid como o mellor equipo da Vuelta
O Xacobeo subiuse ao podio de Madrid como o mellor equipo da Vuelta
Moitos aficionados galegos acompañaron o Xacobeo na última etapa
Moitos aficionados galegos acompañaron o Xacobeo na última etapa