Un home de 33 anos, veciño de Boiro, faleceu no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago logo de dar positivo na analítica por virus A H1N1.
A gripe A deixou a súa segunda vítima mortal en Galiza esta fin de semana. Foi un mozo, de 33 anos, veciño de Boiro, que faleceu no complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Segundo confirmou a Consellaría de Sanidade, a causa da morte foi o devandito virus A H1N1. Con todo, non transcendeu até o de agora a existencia de patoloxías previas que precipitasen a defunción.
Esta é a segunda morte que se rexistra en Galiza por esta causa, logo da doutro home en Vigo a finais de agosto, tamén de 33 anos. Naquel caso, o paciente estaba ingresado a causa doutras enfermidades graves previas que se complicaron co contaxio da gripe A e dunha neumonía.
Nun comunicado, a Xunta lembrou que a incidencia da gripe A segue a ser estábel no noso país e que a doenza se está a manifestar, na maioría dos casos, como calquera gripe, con cadros clínicos maioritariamente leves e que non requiren máis coidados que os propios da gripe estacional: hidratación, descanso e antitérmicos. Con todo, a administración galega non ofrece datos sobre as taxas de afectación.